O Concello aproba adaptar a ordenanza municipal para a inspección e revisións do parque de vivendas á nova lexislación autonómica

44
O novo marco legal simplificará os procesos e traerá certas mudanzas no calendario e nos prazos para solicitar e pasar esta «ITV de edificios» como é coñecida de xeito popular

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá da Xunta de Goberno celebrada a primeira hora. Entre os asuntos tratados na orde do día figuraba a segunda modificación para a adaptación á nova lexislación autonómica da ordenanza municipal para a inspección e revisión do parque de vivendas de Pontevedra, tamén chamada de xeito popular «a ITV dos edificios».

«Cómpre facer un pequeno balance do que se foi traballando na regulación das cuestións que teñen que ver co estado dos edificios da cidade», sinalou Gulías. «Falabamos na súa orixe dunha primeira ordenanza de fachadas aló polo ano 1999, unha ordenanza pioneira na Galiza que presentaba especial atención do parque edificatorio so noso Concello. Desde 1999 foron mudando as circunstancias e as necesidades, e ese texto foi recibindo modificacións até sacar, no ano 2015, unha nova ordenanza para vixiar ‘a saúde’ dos edificios de Pontevedra. Esta ordenanza pivotou na seguridade, a accesibilidade e xa, nese intre, víase ver cuestións sobre a eficiencia enerxética».

Tal e explicou a edil, desde o ano 2015 foise dando unha inestabilidade xurídica por mor de certas sentenzas que tombaban aspectos importantes da regulación estatal. A Xunta de Galicia lexislou mediante a Lei 1/2019 do 22 de abril de rehabilitación, rexeneración e renovación urbana de Galicia e, especialmente, o Decreto 61/2021 do 8 de abril —cunha modificación no 2022— regúlase o informe de avaliación dos edificios e é creado o rexistro galego de informes e avaliacións de edificios. Desenvoltas estas leis, a normativa local debe ser adaptada a esta lexislación e a estes novos cambios, sendo aprobado, na última Xunta de Goberno, o inicio das modificacións pertinentes.

Tal e como sinalou a portavoz, agora procederase a unha simplificación deste tipo de informes, xa que se suprime o rexistro municipal de edificios para traballar en exclusiva co habilitado, en todo o país, pola Xunta. 

Seguindo os novos cambios lexislativos, todos os edificios residenciais colectivos construídos antes de 1963 —que teñen 60 anos ou máis de antigüidade— deberán presentar o certificado da súa inspección antes do 30 de decembro de 2023. No caso dos inmobles construídos entre os anos 1963 e 1971, a data que deberán cumprir os seus propietarios será o 20 de maio de 2024.

O resto de vivendas, incluíndo as unifamiliares, deberán pasar a revisión as que foron construídas antes de maio de 1971, presentando a súa certificación antes do 22 de marzo do 2026. 

A vixencia de todas as inspeccións será de dez anos, unha duración que comezará a contar desde a realización da inspección ou desde a resolución das deficiencias detectadas.