As asociacións Autismo BATA e Fundación Provincial Banco de Alimentos reciben doazóns por valor de 1.400 euros froito da solidariedade da Gladiator Race Pontevedra e Banco Mediolanum

33

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, presidiu esta mañá no Concello o acto de entrega de dous cheques oficiais ás asociacións Autismo BATA e Fundación Provincial Banco de Alimentos por valor de 700 e 721 euros, respectivamente. Esta doazón é froito da acción solidaria levada a cabo o pasado 4 de xuño con motivo da proba de obstáculos Gladiator Race Pontevedra no marco do proxecto Mediolanum Aproxima, de Banco Mediolanum, e que se traduciu nun donativo dun euro por cada inscrición no evento, a beneficio dos citados colectivos sociais.


No acto, que contou coa presenza do responsable da firma Noko 360 (organizadora da Gladiator), Tino Fernández fixo entrega do cheque a Yolanda Heras, vicepresidenta de BATA, mentres que Hugo Fernández, Family Banker de Banco Mediolanum, fixo o propio co delegado do Banco de Alimentos en Pontevedra, José Luis Doval. Tal e como salientou o tenente de alcalde, a través deste tipo de iniciativas “queremos transmitir que o deporte, ademais de actividade física e diversión, ten ou debe ter unha compoñente solidario moi importante, e estamos moi agradecidos á Gladiator e aos seus colaboradores de que ese importante evento de máis de 2.000 persoas supoña tamén unha cita coa solidariedade e a axuda a aqueles que máis o precisan”.


Segundo afirmou Hugo Fernández, Banco Mediolanum vén sendo entidade colaboradora da Gladiator Race desde o primeiro momento “e este ano súmase a esa compoñente deportiva, unha compoñente social e de poder axudar ás oenegués”. “Nas vindeiras edicións -avanzou- poderán contar con Banco Mediolanum para desenvolver tanto a parte deportiva como a social, así que os agardamos o vindeiro ano”.


A vicepresidenta da Asociación Autismo BATA agradeceulle ao Banco Mediolanum que contaran con eles, “porque esta doazón irá destinada ao proxecto que temos en Mi Granito de Arena e agardamos que, de aquí a final de ano, logremos ter máis actividades e máis probas como esta, que xuntan o deportivo e o social”. Yolanda Heras aclarou que os cartos irán destinados ao proxecto de adaptación da zona exterior do centro educativo da entidade, coa instalación dunha pasaxe de madeira no que os nenos e nenas poidan desenvolver o equilibrio ou as forzas dun xeito lúdico e ao aire libre, empregando o noso xardín”.


Pola súa banda, José Luis Doval agradeceu ao Banco Mediolanum, en nome do Banco de Alimentos, “esta xentileza e xentileza que tiveron con nós, sobre todo nestes momentos en que a demanda está subindo dun xeito exponencial”.