Os Xardíns que Falan exhiben o seu Orgullo na Praza de España

58

O programa de actividades deseñado arredor do Día Internacional do Orgullo xa está en marcha e os Xardíns que Falan quixeron sumarse ás accións festivas e reivindicativas cunha mensaxe de apoio ao colectivo LGBTIQA+. A través dunha intervención artística nos xardíns da Praza España protagonizada por un enorme arco da vella (as cores da bandeira do Orgullo) e un arranxo floral a cargo da firma especializada Troquiña, o proxecto impulsado polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, para que as zonas verdes de Pontevedra sexan espazos dinámicos, participativos e de toma de conciencia, convertéronse nun photocall da diversidade no que moitos cidadáns comezaron xa a facerse fotos e selfies desde primeira hora.


A instalación foi presentada esta mañá nun acto no que participaron o propio Puentes e maila concelleira de Igualdade, a tamén socialista Yoya Blanco. Segundo explicou o edil de Desenvolvemento Sostible, “decidimos sumarnos a esta reivindicación da igualdade efectiva e real a través dun arco da vella, símbolo do activismo e da loita LGBTI, para que, ao longo do verán, estes xardíns da Praza de España se poidan identificar con eses veciños e veciñas da cidade que loitan tódolos días por ter exactamente os mesmos dereitos que as persoas que teñen unha orientación sexual tradicionalmente aceptada desde o punto de vista social, como é a heterosexual”. “Queremos facer a nosa contribución a todo ese traballo que o Concello de Pontevedra fai, non só durante unha semana, senón os 365 días do ano, a prol da igualdade efectiva de tódolos veciños e veciñas, independentemente da súa orientación sexual e da súa identidade”.


O novo contrato de Xardíns entrará en vigor o vindeiro mes


Puentes tamén aproveitou a ocasión para indicar que o novo contrato de Parques e Xardíns “vai avanzando con paso firme, decidido e seguro: acabouse esta semana a valoración da primeira parte da oferta, que era a oferta técnica que facían as empresas do lote 1, o lote aberto; e entregarase entre mañá e principios da semana que vén, a valoración das dúas entidades que optaron ao lote 2, que é o lote de talleres especiais de emprego, para incorporar a persoas con algún tipo de discapacidade no mantemento dos xardíns”. Tal e como subliñou Iván Puentes, “a partir da semana que vén estaría feita esa valoración técnica, que é a complexa, e poderiamos pasar xa á valoración da oferta económica, que é moito máis rápida, xa que consiste en abrir os sobres, ver que orzamento entregou cada unha das entidades interesadas en facerse con concurso e ponderala na porcentaxe que corresponde”. “Ao longo do mes de xullo -avanzou o edil do PSOE- deberiamos ter xa unha proposta en firme para ámbolos lotes e, a partir de aí, asinar un contrato e comezar a traballar con ese novo contrato de Xardíns que mellorará moito o estado e mantemento das zonas verdes da cidade”.