A Axenda Urbana engadirá un proceso participativo directo a través da instalación de mesas nos diferentes barrios da cidade

28
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, explicou que nestes puntos a veciñanza poderá responder un cuestionario breve e aberto sobre diferentes aspectos da Boa Vila
As crianzas tamén contarán cun cuestionario especial, o que permitirá obter tamén a información que posúen os cativos e as cativas á hora de entender como perciben a cidade 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, ofreceu na comparecencia desta mañá, logo da Xunta de Goberno celebrada a primeira hora, máis información sobre o proceso de participación que xirará ao redor da Axenda Urbana, o documento estratéxico do Concello de Pontevedra que abordará os problemas e retos da futura cidade de Pontevedra, e que aínda está en elaboración. 

Así, a edil informou que o Concello sacou a contratación o plan de comunicación e a propia elaboración do documento coa súa diagnose, segundo os obxectivos marcados pola Axenda 2030 para o desenvolvemento sostíbel; foi sacado por un importe de 169.989 euros. «Dentro desta diagnose tamén nos parecía interesante facer un plan de participación novidoso, e temos sorte nese sentido, pois paralelamente está a ser celebrado un proceso participativo dentro do PMUS, en diferentes centros sociais con dinámicas guiadas», explicou a concelleira. «Pedinlle ao concelleiro responsábel que nos deixara incorporar tamén as conclusións da Axenda Urbana, a través dunha, como eu chamo, participación tradicional, con reunións e debates con todas as forzas vivas da cidade, asociacións e federacións».

Porén, Gulías explicou que quere levar a participación «un pasiño máis alá» polo que serán instaladas diferentes mesas en varios barrios e puntos da cidade, na que serán entregados cuestionarios abertos e breves sobre os puntos básicos da elaboración deste documento, que van desde a ordenación do territorio, o modelo de cidade, o pulso que temos como vila para frear o cambio climático ou a eficacia dos sistemas de transporte, entre outros. O cuestionario estará a disposición de todos os veciños e veciñas da cidade e as mesas poderán ser achadas en lugares como O Castañal, no centro da cidade, Mollavao e outros espazos importantes da Boa Vila.

«Tamén queremos recoller a opinión dos pequenos, dos cativos e as cativas. Na contorna de Campolongo temos previsto adaptar este cuestionario para os nenos e nenas, pois pensamos que teñen unha información moi valiosa que transmitir e os responsábeis públicos debemos coñecela á hora de elaborar os documentos que marcarán o futuro da nosa cidade», finalizou a portavoz, que tamén explicou que será a finais de mes o intre no que se porá a disposición da veciñanza estes cuestionario.