O Concello de Pontevedra comeza a traballar na elaboración do seu V Plan de Igualdade co obxectivo de telo aprobado en marzo de 2023

37

A firma especializada en iniciativas da muller e programas sociais Avalia vén de poñer en marcha a elaboración do V Plan de Igualdade do Concello de Pontevedra, un documento estratéxico que servirá de marco de actuación en materia de igualdade de oportunidades de mulleres e homes no municipio e que permitirá implantar medidas dirixidas a eliminar as desigualdades existentes e a facilitar a promoción da igualdade de trato, así como a previr e suprimir as violencias machistas. A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, agarda que a empresa poida entregar o borrador definitivo do Plan nun prazo de 9 meses, “de xeito que estea listo para aprobarse xa en marzo de 2023”.


Tal e como explica a edil do PSOE, “este documento traducirase nun conxunto de estratexias que rexerán as políticas de igualdade do Concello, constituíndose como instrumento de cambio social, na medida en que pretende incidir nas estruturas sociais que perpetúan os roles tradicionalmente asignados a mulleres e homes, alicerce da desigualdade de xénero”. A elaboración do Plan de Igualdade desenvolverase a través dun proceso metodolóxico participativo que contemple os resultados extraídos da avaliación do IV Plan de Políticas de Xénero, o diagnóstico sobre a situación de mulleres e homes do municipio e as achegas froito da participación activa do persoal do Concello e axentes sociais e comunitarios do contorno. “Queremos elaborar un Plan que teña incidencia á hora de determinar o tipo de cidade na que desexamos vivir, nos Servizos Sociais, no modelo cultural e educativo, nas infraestruturas… Queremos, en definitiva, unha Pontevedra igualitaria, onde o traballo político e a acción cidadá fagan fronte común como motor de cambio”, subliña Yoya Blanco.


Entre as estratexias metodolóxicas que se seguirán no seu deseño contémplanse as seguintes:


– O deseño do Plan aséntase sobre a necesidade de construír procesos participativos que poidan permanecer estables ao longo de todo o período de vixencia do mesmo.

– Será preciso contar, dende o primeiro momento, coa implicación dos servizos específicos do Concello en materia de xénero. Do mesmo xeito, tódolos departamentos e servizos municipais deberán ter un espazo na elaboración do Plan.

– Cómpre establecer reunións periódicas de traballo e supervisión entre as persoas coordinadoras do proxecto e a responsable da elaboración do mesmo.


O proceso de elaboración do Plan de Igualdade realizarase en varias fases:


– Primeira fase: Elaboración da avaliación do IV Plan de Políticas de Xénero do Concello de Pontevedra 2019-2022. Este Plan está estruturado en catro áreas estratéxicas de intervención: Participación e Acceso á Información e aos Recursos; Área de Promoción da Igualdade entre Mulleres e Homes; Área de Saúde, Sexualidade e Xénero e Área de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero. Destas áreas despréndense 8 obxectivos estratéxicos e 27 accións a desenvolver coa finalidade de promover as condicións básicas para acadar a plena participación das mulleres nos diversos ámbitos da vida.


– Segunda fase: Actualización do diagnóstico sociodemográfico de Mulleres e Homes do Concello de Pontevedra desde a perspectiva de xénero, que consistirá nun estudo, eminentemente cuantitativo e elaborado especificamente para o deseño do plan, que nos permita coñecer a estrutura do territorio a nivel sociodemográfico e que visibilice os desequilibrios de xénero existentes, analizando as diferentes situacións e condicións de vida de mulleres e homes resultado das discriminacións de xénero, e as consecuencias que para as súas vidas ten. A partir deste estudo poderanse esbozar necesidades, problemas, centros de interese e oportunidades de mellora de mulleres e homes de forma diferencial, aplicando a perspectiva de xénero ao desempeño dos roles produtivos, reprodutivos e comunitarios.


– Terceira fase: Deseño e elaboración do V Plan de Igualdade, coa elaboración do documento propio de intervención. Aquí plasmaranse as liñas de traballo e ámbitos de actuación; Os obxectivos; As medidas a desenvolver; As áreas municipais implicadas; Os e as axentes clave a intervir; A cronoloxía; Os indicadores. Será o documento definitivo de intervención municipal en materia de igualdade.


– Todo proxecto de intervención deberá estar sometido a un proceso de avaliación planificado, obxectivo da Cuarta fase: Seguimento e avaliación. A través do seguimento coñecerase o grao de implantación do Plan, mentres que coa avaliación poderanse tomar decisións sobre os axustes e reaxustes necesarios.