Arranca o operativo de roza e limpeza no anel periurbano da cidade e nas quince parroquias do rural

90

Tres equipos con tractores, rozadoiras a man, sopradoras… rozarán maleza, retirarán entullos, limparán canles de pluviais… dende mañá e durante o verán en todas as parroquias do rural. Comezan por Lourizán.

Neste zafarrancho está incluída limpeza do anel perimetral da cidade dende a ponte das Palabras a avenida de Lugo, ou dende a avenida de Montecelo a subida á Ruibal ou o acceso a Ponte Muíños, entre outros lugares.

Os torreiros das festas atenderanse nas vésperas das celebracións das parroquias ou lugares, retomando a normalidade despois da emerxencia sanitaria da Covid. 

O Concello de Pontevedra inicia mañá o zafarrancho de rozas e limpeza das zonas periurbanas e do rural que se realizan anualmente coa chegada do verán. Nesta ocasión comezarán pola parroquia de Lourizán. O obxectivo é manter os núcleos de centralidade parroquial, torreiros das festas, vías e camiños municipais, zonas verdes… en bo estado para que os veciños e veciñas de Pontevedra os poidan empregar con seguridade e confianza nos vindeiros meses.

A Concellaría de xestión de residuos e limpeza urbana que dirixe Raimundo González, planificou estas actuacións garantindo os mellores resultados e buscando o máximo rendemento dos recursos logo das chuvias do inverno e da primavera que fixeron crecer considerablemente a maleza e a herba das beiravías das estradas e camiños municipais, así como as dos espazos de centralidade ou a dos torreiros das festas. Os traballos consistirán, polo tanto, na roza desa herba e desa maleza, na retirada de entullos, limpeza de beiravías e de canalizacións de pluviais que poidan estar tapadas por terra durante o inverno…

Estas rozas e limpezas faranse tanto nas parroquias do rural onde se desenvolverán os traballos de maior envergadura como en todo o ámbito periurbano que quedarán fóra da actuación das parroquias. Ademais, tamén se inclúen os torreiros das festas para telos en bo estado agora que se retomarán as festas patronais das distintas parroquias e lugares de Pontevedra.

Ao respecto das rozas nas parroquias do rural está previsto que comecen mañá mesmo pola parroquia de Lourizán e que logo se trasladen a Ponte Sampaio. Logo de rematar co sur do concello, continuarán polas parroquias do norte como Campañó, Alba, Lérez, Cerponzóns, Verducido, Santa María e Santo André de Xeve, Bora, Mourente, Marcón, Tomeza, Salcedo e Canicouva.

Neste zafarrancho participarán catro operarios e dous tractores. Dúas persoas encargaranse de facer rozas a man nos lugares nos que non se poida empregar maquinaria de gran tamaño, de soprar e recoller os restos das cortas dos lugares. A intención do Concello é que estes traballos estean rematados ao longo do verán.

Anel perimetral

Tamén a partir do luns, outro equipo comezará as rozas e limpezas no anel perimetral da cidade. Cun tractor, sopradora e roza e recollida a man, traballarase en espazos como o Camiño vello de Castela, a avenida de Montecelo (dende a rotonda da avenida de Lugo até San Amaro), avenida da Seca, avenida de Lugo, Pedra do Lagarto e Pintor Laxeiro nas zonas máis afastadas do centro urbano, a avenida de Marín, Conde Bugallal, na rolda de Lérez, dende a ponte das Palabras até a rotonda de Médico Ballina; a saída á Ruibal ou o acceso a Ponte Muíños.

Neste gran operativo de limpeza e roza que a Concelleira de xestión de residuos pon en marcha dende a vindeira semana tamén están incluídos os torreiros das festas. Neste caso, está previsto que se fagan nas vésperas das festas do lugar para que estean nas mellores condicións de uso 

Está previsto que co control da pandemia e a rebaixa das directrices sanitarias ao respecto, as comisións de festas das distintas parroquias e lugares do rural retomen as festividades propias do verán.