O Pont-Up Store volverá a Praza do Concello os días 24 e 25 de setembro apostando polo emprendemento sostíbel

24
O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou a existencia dunha explosión de talento e creatividade na sociedade actual e que se verá reflectida nesta cita na Boa Vila
De novo haberá tres modalidades de participación: a presentación dun emprendemento nun dos stands físicos e de balde, a proposta de actividades demostrativas e a participación no talent show Pont-Up Express 

A novena edición do PontUp Store será celebrada na Praza do Concello entre os días 24 e 25 de setembro, con base na internacionalización e na sostibilidade. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou na presentación da cita para sinalar «o encantado» que está «de que Pontevedra acolla o que será o principal evento de fomento da innovación e o emprendemento do noroeste peninsular».

Acompañando ao alcalde, tamén estiveron presentes o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa Roger; o deputado de infraestruturas da Deputación de Pontevedra, Gregorio Luís Agís Gómez; a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco Rial; e o director do encontro, o profesor do grupo de investigación G4 Plus da Universidade de Vigo, Pedro Figueroa Dorrego.

 O reitor da UVigo, celebrou que Pontevedra se vaia converter por novena vez na capital do emprendemento galego, e asegurou que «a Economía galega ten que sustentarse no traballo das persoas emprendedoras que crean riqueza e fan país». Gregorio Luis Agís cualificou o encontro como un evento moi motivador e un referente a nivel galego, onde «é sorprendente descubrir edición tras edición novos modelos de negocio innovadores e creativos capaces de xerar riqueza e de fortalecer un tecido empresarial que achega importantes valores e solucións á sociedade».

Figueroa agradeceu o apoio incondicional das entidades patrocinadoras e asegurou que esta edición ten a misión de «reactivar e dar apoio ao emprendemento galego nun momento especialmente delicado para a economía, nun contexto marcado polas consecuencias da pandemia e da crise enerxética provocada polo conflito europeo, que limita a moitas iniciativas pero que tamén abre moitas oportunidades».

Este ano volverá haber tres modalidades de participación: presentar un emprendemento nun dos 35 stands gratuítos dispoñibles; propoñer actividades demostrativas dentro do programa; e participar no talent show Pont-Up Exprés. As candidaturas poderanse presentar a unha ou varias modalidades ata o 6 de xullo a través da web www.pontupstore.com. A decisión da xunta directiva farase pública o 21 de xullo. Pode presentarse candidatura calquera emprendemento innovador e creativo, en funcionamento, con menos de 3,5 anos (42 meses) dende a súa creación ou un proxecto en fase moi avanzada de desenvolvemento con prototipos de produtos/servizos e expectativas reais de lanzamento a curto prazo. A organización seleccionará as iniciativas baseándose en criterios como a orixinalidade, innovación e creatividade do proxecto; o valor social, a sustentabilidade, a claridade e concreción, o potencial impacto económico ou social, e a capacidade de desenvolvemento futuro. En total, van ser seleccionados para participar nesta novena edición máis de 50 emprendementos.

O director do encontro avanzou que esta edición porá o foco na internacionalización das empresas a través de varias actividades de networking que permitirán aos emprendementos galegos conectar con emprendementos doutros países para intercambiar experiencias e knowhow. A sostibilidade será a outra gran liña de traballo do encontro, que incluirá no programa unha interesante actividade para promover a economía circular.

O rexedor da cidade quixo lembrar que citas como o Pont-Up Store demostran a confianza «que temos neste país pola nosa creatividade e a nosa innovación». «Faime especial ilusión que visibilicemos toda a potencia emprendedora da que somos donos neste país. Hai unha explosión de creatividade na sociedade, e non pode haber mellor lugar que Pontevedra para darlle espazo», finalizou Lores.