O Concello inicia un proceso de liberación de espazo no arquivo coa destrución de documentos sen valor fiscal, xudicial ou documental

43
As dependencias municipais acolleron a primeira comisión cualificadora de documentos para marcar as directrices a seguir neste proceso e xa aprobaron a destrución das primeiras series
Ao longo dun mes, a veciñanza poderá solicitar unha copia dalgún destes documentos no caso de precisala, referidos ás plusvalías e ao imposto de circulación de vehículos, uns entre o ano 1961 e 1999, e outros entre o ano 1967 e 2004 

Sendo un dos principais obxectivos deste mandato, o Concello de Pontevedra continúa a dar pasos cara adiante na modernización da administración. Así, esta mañá foi celebrada unha comisión que nunca antes acontecera no Concello, como foi a comisión cualificadora de documentos municipais, co fin de comezar a liberar espazo nas dependencias municipais, destruíndo arquivos de nulo valor fiscal, xudicial e documental.

«A comisión aprobou a destrución de dúas series de documentos, unhas 1.440 caixas, que ocupan preto de 155 metros lineais de espazo», explicou o edil Demetrio Gómez na súa comparecencia. «Estas caixas recollen todos os documentos referidos ás plusvalías e ao imposto de circulación de vehículos, unhas entre o ano 1961 e o 1999 e outras entre o 1967 e o 2004».

Segundo os criterios fixados pola comisión, estes documentos non teñen valor de ningunha clase, polo que a súa destrución pode ser realizada de acordo cos informes elaborados polos funcionarios do arquivo municipal. «Mañá acudiremos a unha comisión da Xunta que é o organismo que valida esta decisión e a partir dese intre, un mes despois, poderemos proceder coa destrución definitiva destes documentos no propio Concello e a súa posterior reciclaxe», explicou Gómez.

Ora ben, o Concello de Pontevedra abrirá nos vindeiros días un proceso de solicitude no caso de que algún cidadán precise algunha copia polo motivo que for. «Unha vez transcorrido ese tempo, ese mes aproximado, xa se comezará co proceso de destrución e non quedará rastro destes documentos como tal, máis aló do que quede nos libros de rexistro».

Cómpre sinalar que si quedarán no arquivo un par de expedientes como exemplo documental destas series co fin de deixar constancia da súa estética, dun xeito máis anecdótico que informativo.

Gómez confirmou que este proceso de destrución de arquivos e liberación de espazo no arquivo seguirá nos vindeiros tempos, mesmo con outro tipo de documentos, xa de tipo económico, mais aínda non están fixados os criterios que serán fixados para o proceso que se levará a cabo con eles.