O Roteiro do Medo, un percorrido nocturno con base no terror e na mitoloxía propia da contorna de Salcedo

39
O Concello promove, xunto coa asociación cultural Casa Verde e AB Origine, unha actividade teatralizada dirixida por Raquel Queizás
A cita está programada no monte de San Martiño de Salcedo, na contorna do Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras, para as 22.30 horas, unha vez sexa noite pecha 

Este venres, 17 de xuño, será posíbel vivir unha aventura de terror na contorna de Salcedo. A parroquia pontevedresa será o escenario d’ O Roteiro do Medo, un percorrido nocturno teatralizado que xirará ao redor da mitoloxía do lugar, en concreto das lendas máis vencelladas ao mundo do terror, como a Santa Campaña, a luz de Sete Camiños, as bruxas que se xuntan na noite de San Xoán ou a figura do rachador; entre outras misteriosas figuras que agocha a nocturnidade.

Tal e como explica o antropólogo e guía nesta roteiro Rafa Quintía, a idea «é por en valor ese patrimonio oral que temos, en concreto eses aspectos sombríos, e facelo dun xeito asequible para todos os públicos, mais poñendo o foco na xente nova, que poden achar interesante esta proposta».

Promovida pola área de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra en colaboración coa asociación cultural Casa Verde e AB Origine, a cita comezará ás 22.30 horas, no monte de San Martiño de Salcedo, en concreto no ámbito do Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras. «Tentaremos iniciar o percorrido sobre as 22.30 horas, pero agardaremos até que sexa noite pecha».

Quintía explica que será un percorrido circular, duns dous quilómetros, que non requirirá esforzo físico como tal, e polo que se irán sucedendo unha serie de encontros dirixidos pola actriz Raquel Queizás con axuda dun grupo de actores amateurs da asociación Casa Verde.

Trátase dunha actividade de balde, se ben desde a asociación lembran que haberá un límite de inscrición pequeno co obxectivo de manter o ambiente de medo e gozar do mellor xeito posíbel do percorrido. As solicitudes para formar parte do roteiro poden ser realizadas a través das redes sociais da asociación Casa Verde (Instagram e Facebook).