‘A Memoria das Mulleres’ continúa a explorar lembranzas e novos xeitos de manter o legado das pontevedresas

59
A web oficial do programa foi ampliada de diversos xeitos ao longo dos últimos meses, incorporando novas biografías, espazos e até podcasts 

O programa ‘A Memoria das Mulleres’ continúa a ser un dos proxectos máis singulares e relevantes dos imaxinados polo Concello de Pontevedra. Impulsado pola concellaría de Memoria histórica, dirixida polo edil Xaquín Moreda, o programa, que leva en activo desde finais do 2013, é unha peza clave e de gran valor documental á hora de afondar no legado deixado polas mulleres pontevedresas, nado coa finalidade de construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual destas.

Ao longo deste ano 2022, e tomando como base a web www.dogrisaovioleta.gal, o programa segue medrando e xerando diferentes accións. Ao longo dos últimos meses, son varios as mudanzas e ampliacións que se veñen dando dentro desta plataforma e, polo tanto, dentro do programa.

Foron actualizados dous roteiros dentro da web (Roteiro Mulleres en San Amaro e Roteiro sobre as mulleres represaliadas) con novos mapas que inclúen a versión en audio dos textos, para facilitar tanto o seu seguimento in situ como para o seu uso para persoas cegas. Ao longo dos vindeiros días, serán actualizados outros dous roteiros. A maiores desta característica, os audios de todos os paseos están dispoñíbeis tanto en Soundcloud como en iVoox, fomentando a posibilidade de ser escoitados como un falangullo (podcast), formato de demostrado valor educativo e divulgativo.

Doutra banda, e logo do éxito o ano pasado da creación de pezas audiovisuais e posterior publicación en Tiktok en colaboración con creadoras galegas, a área de Memoria histórica decidiu seguir este camiño, cunha clara vontade de chegar a novos públicos e promover o programa e o legado das pontevedresas e as súas historias entre a mocidade. 

Nese sentido, as creadoras María, Helena López e Sara Seco foron as seleccionadas esta tempada para crear os vídeos. Rúa dedicou en abril un vídeo a Regina do Batán, namentres López falou —e pintou— no seu de Aurora Argibay. Está previsto que a finais de xuño, a creadora que falta por estrearse este 2022 publique unha peza sobre Rosa Malvar. En total serán oito vídeos os que sairán deste forno creativo.

Cómpre lembrar que tamén está dispoñíbel un novo espazo chamado Autobiografías. Neste lugar é posíbel atopar elaboración de autobiografías, tanto propias como de algunha muller próxima á que a xente queira entrevistar, ademais de ofrecer instrucións e modelos de entrevistas tanto para o público xeral como para centros de ensino.

No ronsel da anterior proposta, e nela incluído, foi inaugurada tamén a sección de autoentrevistas de perfís de mulleres novas do Concello. Até o momento hai xa sete autoentrevistas publicadas como novas biografías na web.

Por último, e adiantando eventos futuros, ao longo do segundo semestre serán ampliadas as nomeadas e presentadas seccións, amais da redacción dun folleto impreso cun mapa de accións d’A Memoria das Mulleres no espazo público.