O parque infantil da Praza de Europa permanecerá pechado durante alomenos dúas semanas para acometer traballos de reparación e renovación no seu pavimento e elementos de xogo

34

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, segue adiante co seu plan para que tódalas zonas de xogo da cidade estean en perfectas condicións, cumpran as normativas autonómica e europea en materia de seguridade e acaden a certificación a Entidade Nacional de Acreditación (Enac), centrándose nestes momentos no barrio de Monte Porreiro. Despois de rematar os traballos de arranxo integral e mellora da área de lecer situada no Mirador, que se reabriu ao público o pasado venres, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns puxo en marcha esta mañá as obras de reparación e renovación de todo o pavimento e dos elementos de xogo do parque infantil da Praza de Europa (eixo vertebrador da vida social da urbanización pontevedresa).


Segundo sinala Iván Puentes, a intervención, que suporá un investimento de 10.285 euros, contempla “o arranxo de tódalas fendas e roturas do seu desgastado pavimento de herba sintética, así como o pintado e revisión dos diferentes xogos”. “O parque infantil -anuncia o edil do PSOE- permanecerá pechado ao uso durante un mínimo de dúas semanas, posiblemente algo máis, pode que 20 días. Na zona da tirolina efectuarase unha importante achega de area, rexenerando todo o seu pavimento, así como algún axuste na propia tirolina”.


Puentes lembra que o seu departamento xa realizara previamente un investimento duns 40.000 euros no proxecto que fixo posible restaurar a zona de xogos da Praza de Europa, dotala dunha tirolina de máis de 20 metros de lonxitude, mellorar o pavimento de terrizo do contorno desta área de lecer infantil e delimitar a súa rede de sendas internas mediante bordos de formigón. Un esforzo que, tal e como avanza, terá continuidade cun plan de reforma integral de todo o parque “que contará cun orzamento duns 60.000 euros e que incluirá a creación dunha nova pista polideportiva e a renovación de todo o mobiliario”. “Un proxecto de axardinamento e mellora paisaxística de todo o parque da Praza de Europa, entre as rúas Bélxica e Alemaña, que terá como guinda a xeración desa pista multideporte na área interior, a que dá cara á igrexa”, asegura o socialista.