A empresa que xestiona os aparcadoiros da Praza de España e Montero Ríos distribúe 1.200 vales de 30 minutos e 400 de 12 horas de estacionamento gratuíto no marco dunha campaña de apoio ao comercio de proximidade en colaboración coa Concellería de Promoción Económica

76

A empresa Empark, que xestiona os aparcadoiros da Praza de España e Montero Ríos, distribuíu entre os seus clientes desde finais do pasado mes de marzo 1.200 vales de 30 minutos e 400 de 12 horas de estacionamento gratuíto. Este agasallo en tempo de aparcamento, que moitos usuarios aínda seguen a desfrutar, enmárcase dentro dunha campaña de apoio ao comercio de proximidade impulsada en colaboración coa Concellería de Promoción e Turismo.


Segundo explicou esta mañá o responsable dos aparcadoiros, Anxo Silva, “nesta campaña decidimos apoiar ao comercio local do único xeito en que o podemos facer nós, que é facilitándolles o estacionamento, regalando un total de 1.600 vales, así como unha taciña promocional, entre distintas empresas e establecementos da zona de influenza dos parkings”. “Tratábase de facilitar que, tanto os traballadores como os clientes destas empresas, puidesen aparcar con todas esas horas de aparcamento de balde. Rematamos de repartilos hai unhas semanas e os usuarios aínda teñen unhas cantas semanas máis para desfrutalos”, asegurou Silva.


A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, amosouse “moi contenta coa acollida dunha campaña que xa me pareceu estupenda cando se me presentou”, xa que “a verdade é que temos unha cidade para camiñar, pero na que tamén o noso comercio de proximidade vive non só do cidadán que vive no centro e que pode vir paseando, senón tamén do que ten que desprazarse en coche desde as parroquias e de diferentes puntos da comarca”. “Este tipo de iniciativa é absolutamente beneficiosa e animo aos aparcadoiros a que continúen facendo campañas neste sentido”, afirmou a edil do PSOE.