O Ganapán prepárase para a chegada do verán con divertidos peixes tropicais e abanos de froitas

12

O verán está á volta da esquina e o programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Gastroespazo do Mercado de Abastos, prepárase para recibilo cuns talleres moi estivais. Entre as actividades deseñadas para esta fin de semana para nenos e nenas de 4 a 10 anos inclúense un obradoiro de confección de coloridos, brillantes e divertidos peixes tropicais (o sábado 11 de xuño) e outro de creación de abanos con formas de froita ideais para levar mellor a subida das temperaturas (o domingo 12).


“Como sempre, estes talleres de manualidades complementaranse con outros gastronómicos -sinala a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco-, nos que os pequenos terán ocasión de elaborar exquisitos e refrescantes brownies de limón, cunha fantástica mestura de doce e acedo, e pan de plátano e arandos. Unhas receitas absolutamente deliciosas que poderán levar a casa, se chega, aqueles que veñan con friameira”.


Tódolos obradoiros desenvolveranse a partir das 12:00 horas e todos aqueles rapaces que desexen participar deberán reservar praza previamente inscribíndose de balde a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao de celebración das actividades, indicando no correo se teñen algunha alerxia ou intolerancia.