As diferentes administracións acordan por en marcha a solución do Concello para resolver a problemática co tráfico de paso en Liborei

9
Os concelleiros Alberto Oubiña, Demetrio Gómez e Pilar Comesaña mantiveron unha xuntanza na delegación da DXT en Pontevedra con representantes do Estado, Xunta e a mesma DXT con «boa sintonía»
As novas limitacións serán aplicadas de xeito inminente, unha vez sexan fabricadas e achegadas os sinais de tráfico que oficializarán as novas normas de circulación na zona 

Os concelleiros Alberto Oubiña, Pilar Comesaña e Demetrio Gómez mantiveron unha xuntanza esta mañá na delegación DXT en Pontevedra, co fin de abordar a problemática relacionada co tráfico no lugar de Liborei, na parroquia de Cerponzóns. Foi unha xuntanza a varias bandas, con representantes do Estado, da Axencia Galega de Xestión de Infraestruturas, da mesma DXT e, por suposto, do Concello de Pontevedra a través dos edís.

Seguindo as palabras do coordinador do Rural, foi esta unha xuntanza «con moi boa sintonía», na que desde o primeiro momento «o Concello expuxo que todas aquelas cuestións que se realizasen para resolver este problema de tráfico non deixaban de ser parches, polo que a única alternativa que realmente vai funcionar e poñer fin ao conflito cos coches que van desde a estrada de Santiago até a de Vilagarcía pasa pola construción da variante de Alba», afirmación compartida con varios dos presentes na xuntanza. 

«Desde logo, todos estivemos de acordo en eliminar os tráficos de paso do núcleo de Liborei. O Concello amais de expoñer esta necesidade, a da variante de Alba, tamén expuxo a proposta xa consensuada coa veciñanza do lugar a semana pasada, que foi a de impedir o tráfico cunha sinalización de ‘prohibida a circulación agás a residentes e servizos’ neste núcleo», explicou Oubiña. «Hai que lembrar que non se trata de desviar o tráfico por unha vía lateral do propio núcleo, senón que ten que ir por onde ten que ir, que sería a variante de Alba, polo que a proposta de corte está situada en tres puntos distintos».

A limitación de tráfico no núcleo será inminente, e só depende da chegada dos sinais que farán oficiais as novas limitacións ao tráfico a motor. Nese sentido, a crise de subministracións lastra a creación de novas sinais, que dependen do aluminio, material escaso para a creación destes elementos.