O alcalde achega os puntos claves do modelo urbano pontevedrés á Deputación de Barcelona

21
O rexedor da cidade participou esta mañá, xunto co director xeral de urbanismo e servizos xerais, Xosé Manuel Tato, nunha xornada técnica telemática sobre as cidades peonís 

Dentro do cargado programa de convites e citas internacionais que o Concello de Pontevedra ten por diante este xuño á hora de divulgar e promocionar o modelo de cidade polo globo, a primeira parada produciuse de xeito telemático, co relatorio ‘A cidade peonil’ impulsado pola Deputación de Barcelona.

O encontro, no que participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co director xeral de urbanismo e servizos xerais, Xosé Manuel Tato, quedaba enmarcado dentro dun curso de formación para técnicos e cargos electos municipais da provincia de Barcelona sobre ‘A cidade dos 15 minutos’.

Segundo explicou o rexedor da Boa Vila, foi esta unha exposición técnica, onde trataron de achegar as claves que permitiron a transformación urbana da cidade de Pontevedra ao longo destas últimas décadas. Nese sentido, Pontevedra figuraba para a Deputación de Barcelona como un exemplo de boas prácticas, referente na materia, ao igual que outras cidades como Vitoria, que tamén foi convidada a participar.

«Puidemos afondar nalgunhas características do modelo e tratar de levar algúns dos seus puntos máis importantes coa idea de poñer exemplos a seguir de cara ao futuro das cidades», explicou o alcalde. «A xornada rematou con un interesante debate con diferentes cuestións e preguntas, onde intentamos aportar a nosa visión e experiencia».