Veciñanza de Leborei e Concello acordan restrinxir a residentes o tráfico no núcleo, á espera da construción da Variante de Alba

124

Demetrio Gómez, Alberto Oubiña e Pilar Comesaña reuníronse onte pola tarde coa maior parte dos veciños deste lugar de Cerponzóns para buscar solucións ao inasumible tráfico de paso da zona que se ten convertido no “bypass” das estradas de Santiago e Vilagarcía.

Acordaron restrinxir a zona a residentes e servizos; trasladar os acordos ao Estado e á Xunta; e iniciar unha recollida de sinaturas para reclamar a variante de Alba como solución permanente a esta inasumíbel situación. 

O Concello de Pontevedra mantivo onte pola tarde unha reunión cos veciños e veciñas do lugar de Leborei, parroquia de Cerponzóns, para expoñerlles a proposta municipal de xestión do tráfico. É coñecido que os residentes aturan acotío un tránsito excesivo de vehículos de paso por unha vía secundaria de uso da veciñanza. Os condutores atravesan o núcleo de Leborei como atallo para conectar as estradas de Santiago (N-550) e de Vilagarcía (PO-531).

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, o coordinador do rural, Alberto Oubiña e a concelleira responsable da parroquia, Pilar Comesaña achegáronse até o núcleo de Leborei onte pola tarde e mantiveron un encontro cos veciños e veciñas na propia estrada. Explicaron as posibles solucións que pode poñer en marcha o Concello -ademais de lombos para moderar a velocidade instalados hai uns meses-, e foron ben recibidas pola veciñanza.

A reunión rematou co acordo de que o Concello, á maior brevidade e tras o informe da Policía Local, instalará no lugar de Leborei sinais restrinxindo o tráfico só a residentes e servizos.

Tamén se decidiu trasladar este acordo ao resto de administracións, tanto do Estado como da Xunta de Galicia, responsables da estrada de Santiago e da de Vilagarcía respectivamente.

Finalmente os veciños e veciñas acordaron iniciar unha recollida de firmas solicitando a construción da variante de Alba como solución máis viable para retirar o tráfico do interior de Leborei. O resto de actuacións, sendo necesarias neste momento, serían unicamente parches para tratar de resolver o problema do tráfico de paso no lugar.