Os concelleiros Iván Puentes, Yoya Blanco e Marcos Rey visitan a exposición fotográfica ‘Experiencias de vida: a decisión de migrar’ no Gastroespazo do Mercado de Abastos

43

Os concelleiros socialistas Iván Puentes, Yoya Blanco e Marcos Rey visitaron esta mañá no Gastroespazo do Mercado de Abastos de Pontevedra a exposición fotográfica ‘Experiencias de vida: a decisión de migrar’, organizada polo colectivo Diversidades e a Asociación de Migrantes de Galicia ‘Amiga’ en colaboración coa Concellería de Benestar Social e a Consellería de Política Social. A mostra, que poderá desfrutarse ata o vindeiro 15 de xuño, inclúe a celebración dun coloquio intercultural que terá lugar o sábado 11 de xuño ás 11:30 horas, que será presentado por Marcos Rey e na que intervirán varias das persoas migrantes protagonistas da exposición, compartindo as súas historias de vida e as súas impresións sobre a decisión de migrar e os retos e oportunidades do país de acollida.

Amiga é unha asociación sen ánimo de lucro dirixida a persoas inmigrantes, emigrantes retornadas e solicitantes de protección internacional en situación de vulnerabilidade social, que ofrece servizos de primeira acollida, orientación xurídica e laboral e mediación intercultural, ao mesmo tempo que trata de sensibilizar á poboación xeral sobre os problemas migratorios e denunciar todas as vulneracións que se produzan de dereitos fundamentais, así como o racismo e a xenofobia, fomentando a riqueza da convivencia intercultural.