O concelleiro Iván Puentes e o xefe da Policía Local serán investidos confrades da Orde do Caldo Galego de Mourente no XXX Gran Capítulo que se celebrará na Praza de España os días 11 e 12 de xuño

53

A situación sanitaria obrigou á asociación de veciños O Castro a evitar grandes aglomeracións de xente e a suspender a súa habitual Festa do Caldo Galego no lugar Os Areás (Mourente) durante a segunda fin de semana de marzo (este ano estaba prevista para o domingo 14). Coa intención de que a cita gastronómica regrese á súa data e emprazamento de sempre en vindeiros anos, o colectivo veciñal decidiu non perder un ano máis sen actividade e, nunha xuntanza coa concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, decidiu reinventarse e celebrar un XXX Gran Capítulo do Caldo Galego un tanto extraordinario: a festa manterase viva reducindo o número de asistentes e convidando ás confrarías de España e Portugal a unha concentración en plena cidade, na Praza de España.


O evento desenvolverase durante os días 11 e 12 de xuño e incluirá un novo acto de investidura e xuramento de novos confrades Damas e Cabaleiros do Caldo Galego. Entre os nomes das persoas ás que se lles porán as capas inclúense os do concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes; o xefe da Policía Local de Pontevedra, José Manuel Duarte; a ex xefa de Estudos e directora do IES Sánchez Cantón (xubilada) Carmen Margariña Valderrama, e a vicepresidenta da Asociación da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), Silvia Crespo. Completan este listado de novos confrades Cándido Márquez, mariñeiro a bordo 40 anos en alta mar (con labor de cociñeiro); Antonio Javier Porras, funcionario de Policía e xefe de Seguridade; Antonio García Puig, técnico sanitario, e Celso Mirón, funcionario do Concello de Pontevedra xubilado.


Yoya Blanco (á que se lle impuxo a capa de Dama da Orde do Caldo en 2020) amosouse “encantadísima de que a festa poida manter viva a súa chama cunha edición moi especial e de que ademais o meu compañeiro Iván Puentes e unha socialista tan querida e senlleira como Margariña Valderrama se convertan en Cabaleiro e Dama”. A investidura e xuramento terá lugar o sábado 11 de xuño ás 11:30 horas nunha carpa que se instalará na Praza de España, na que xa desde as 10:30 horas se celebrará a concentración dunha vintena de confrarías participantes: xa están confirmadas Botón de Ancla (Marín), Caldo de Quintandona (Penafiel, Portugal), Viños Rías Baixas (Cambados), Ameixa de Carril (Carril), Cordero Segureño (Huéscar, Granada), Amigos dos Nabos (Asturias), Yumay (Asturias), Centolo Larpeiro do Grove, Cigala de Marín, Galo Quirico (Marín), Berza (Marín), Vino de la Ribera del Duero, Xan Carallás (Redondela), Porco Ravelo (Portugal), Porco Ravelo (Portugal), Luso Galaica e Albariño de Cambados, así como outras catro máis do país veciño (e pendentes de confirmación outras catro máis).


O programa de actividades desta XXX Festa do Caldo Galego de Mourente é o seguinte:


Sábado 11 de xuño:
10:30 horas. Concentración de participantes e recibimento na Praza de España
11:00 horas. Recibimento do alcalde e da concelleira de Promoción Económica e Turismo
11:30 horas. Investidura e xuramento dos novos confrades, Damas e Cabaleiros, que pasarán a formar parte da Orde do Caldo Galego de Mourente
12:30 horas. Ruta guiada polas rúas e prazas da zona monumental de Pontevedra
14:00 horas. Comida de irmandade das confrarías para degustar o caldo galego condimentado con produtos da nosa terra (restaurante El Cafetín)


Domingo 12 de xuño:
12:00 horas. Concentración na Praza de España para, posteriormente, desenvolver unha visita guiada en barco pola ría de Pontevedra (por xentileza da Concellería de Promoción Económica e Turismo)
14:00 horas. Degustación de produtos galegos e xantar (en El Cafetín). Despedida das confrarías por parte de Yoya Blanco

Tal e como sinala a concelleira socialista, “as actividades estarán amenizadas pola charanga A Cabeza Non Para, o conxunto folclórico Foula e o grupo de gaitas Os Alegres de Mourente.