A Vida é Movernos leva ritmo e alegría á Residencia de Maiores de Campolongo a través dun taller de Percuterapia

75

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes e Saúde, Tino Fernández, asistiu esta mañá na Residencia de Maiores de Campolongo ao primeiro dos talleres de Percuterapia especialmente dirixidos á terceira idade que se organizan no marco do programa municipal A Vida é Movernos. Deste xeito, os obradoiros impartidos polo músico, terapeuta e percusionista Pedro Campos, experto en intelixencia emocional, pretende estenderse non só por diferentes barrios e parroquias de Pontevedra, senón tamén contaxiar a súa alegría e ritmo a diferentes xeracións e grupos de idade.


Deste xeito, ao longo dos meses de xuño e xullo impartiranse talleres de Percuterapia nas seguintes datas e espazos:


– Luns 7 de xuño. 17:30 horas. Residencia de Maiores Soremay

– Venres 10 de xuño. 20:30 horas. Local Social do Burgo

– Martes 21 de xuño. 17:00 horas. Residencia de Maiores Saraiva

– Venres 1 de xullo. 19:00 horas. Centro Cultural de Monte Porreiro

– Venres 8 de xullo. 19:00 horas. Local Social de Lérez

– Venres 15 de xullo. 19:00 horas. Local Social de San Roque

– Xoves 21 de xullo. 20:00 horas. Local Social de Ponte Sampaio 


Entre os obxectivos destes Talleres de Percuterapia, pensados para grupos dunhas 15 persoas, inclúense os de dotar aos seus participantes dunha serie de destrezas e competencias fundamentais para a vida cotiá en tódolos seus ámbitos e enriquecer o seu proceso sensorial, cognitivo e motor. Todas aquelas persoas interesadas en inscribirse poderán facelo de balde (ata completar o tope de prazas) a través do email camposacostapedro@yahoo.es ou do teléfono 690 182 282.


Os asistentes aos obradoiros aprenden técnicas de relaxación, humanización e coñecemento persoal a través da percusión corporal, alternativa, vocal e tradicional; a buscar o benestar mental e emocional experimentando a música como un proceso que pode aumentar a comunicación e a expresión; a favorecer o desenvolvemento emocional; a mellorar a percepción, a motricidade e a expresión de problemas, inquedanzas, medos e bloqueos, e a aliviar a ansiedade.


As sesións previstas nestes talleres desenvólvense en base aos seguintes métodos: 


1. A percusión corporal (body music ou body percussion): é a produción de sons con golpeos sobre o corpo propio, alleo e outros elementos, usando movementos corporais como aplaudir, usar a boca para emitir sons, asubiar, chasquear os dedos, brazos, mans; aproveitando as coxas, o peito, utilizando os pés, os dedos e outras partes do noso corpo. 


2. A percusión alternativa: é o choque urbano, que crea ritmos e sons con distintas partes do corpo e con obxectos cotiás. Pódese explorar de maneira individual, pero a súa riqueza e complexidade explotan cando se xuntan varias persoas. Busca son en obxectos de fácil acceso, como tachos, baldes, paus, vasos, mesas, cadeiras, botellas, etc., así como tamén no propio corpo, xa que calquera ámbito pode ser intervido percutivamente, porque ‘todo soa’. 


3. A percusión vocal: concíbese como a arte de reproducir os sons e facer música usando a propia voz, a boca e as cavidades nasais. Tamén pode incluír cantar, imitar sons de trompetas, sintetizadores, baterías, cordas e outros instrumentos musicais. 


4. A percusión tradicional: é a produción de sons con instrumentos de percusión, como congas, timbais, baterías, bombos, pandeiros…