Pontevedra conmemora o Día Nacional das Linguas de Signos reivindicando a equidade e cun amplo e diverso programa de actividades que involucra por primeira vez ao alumnado de Secundaria nun Concurso ‘Xoga coas Manciñas’ de carácter autonómico

114

Baixo o lema ‘En rede, a equidade depende de todos’, a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia ‘Xoga’ desenvolverá ao longo desta primeira quincena de agosto, en colaboración coa Concellería de Benestar Social de Pontevedra e da Deputación Provincial, un amplo e diverso programa de actividades co gallo do Día Nacional das Linguas de Signos (14 de xuño). No marco dunha campaña na que se incide na necesidade de fomentar a integración, a inclusión, a información e a accesibilidade, na procura da ansiada equidade, entre as accións deseñadas inclúense a V edición do Concurso ‘Xoga coas Manciñas’, que este ano, ademais de destinarse a alumnado de Infantil e Primaria, tamén se amplía ao de Secundaria e será de carácter autonómico por primeira vez; a colocación dunha pancarta reivindicativa no balcón da Casa Consistorial, e a iluminación do propio Consistorio e do Pazo Provincial con luz de cor turquesa entre a noite do venres 10 e a mañá do mércores 15 de xuño.


Ademais, sortearase a través das redes sociais de Xoga unha praza gratuíta nun curso de 60 horas de Lingua de Signos de nivel A1 para maiores de 16 anos que vivan en Galicia e, como novidade este ano, inaugurarase un espazo denominado Xoga Tik Tok, no que se colgarán vídeos con fragmentos tanto en lingua de signos galega como española (retrouso de cancións, expresións signadas, signos por ámbitos, signos curiosos…). Esta última iniciativa desenvolverase entre o venres 10 e o martes 14 de xuño (posteriormente farase unha ou dúas veces ao mes) e ten a finalidade motivar á cidadanía, en especial aos cativos e á mocidade, e fomentar o coñecemento destas linguas.


O programa polo Día Nacional das Linguas de Signos foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey; a deputada provincial de Cohesión Social, Olga García Ballesteros; a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, e os membros do colectivo Pilar Iglesias (con xordeira) e Rubén Redondo (con hipoacusia). Monterde reivindicou que, tal e como se consegue a través de iniciativas como o programa Comunico do Concello ou do Servizo de Interpretación de Lingua de Signos da Deputación, “a inclusión e a equidade se traduza en chegar a un lugar para realizar trámites administrativos e cotiás e dispoñer dun intérprete por defecto, sen ter que pedilo con moitísimos días de antelación e estar dependendo constantemente dunha terceira persoa”.


Un grao de Lingua de Signos para a Universidade de Vigo

“Avogamos porque a Lingua de Signos sexa unha materia máis -asegurou a presidenta de Xoga-, como así o apoian os centros educativos, universidades e reitorados, e pola implementación da Lingua de Signos Galega. Tamén apostamos pola lingua de signos apoiada, que é a que se emprega para persoas con xordocegueira. Temos escaseza de profesionais (intérpretes de Lingua de Signos) neste ámbito, xa que, coa nova lei, pasou de ser un ciclo de FP a converterse nun grao, cousa que agradecemos, pero que agora mesmo está exclusivamente en Madrid. Se queremos chegar á equidade e accesibilidade real precisamos cada vez máis intérpretes de Lingua de Signos… É para nós moi importante que na Universidade de Vigo, sendo unha referencia a nivel estatal, haxa tamén a carreira de Interpretación de Lingua de Signos”.


Monterde sinalou que o éxito do Concurso Xoga coas Manciñas (ata agora provincial) foi tal nestes primeiros anos que os levou a convertelo nun certame autonómico, xa que “cada vez participaban máis centros educativos doutras provincias”, ampliándose ademais con dous premios para Infantil, dous para Primaria e, como novidade, outros dous para Secundaria.


A deputada responsable de Cohesión Social destacou a implicación “tanto do alumnado como dos mestres no Concurso Xoga coas Manciñas” e animou a tódolos centros educativos para que se anoten nesta “experiencia tan bonita e gratificante”. Olga García Ballesteros tamén agradeceu o inxente labor de Xoga e amosou a disposición da Deputación para colaborar en todo aquelo que precise o colectivo.


Pola súa banda, Marcos Rey lembrou que a loita pola equidade e a inclusión ten que ir máis aló dun día especial e subliñou a tremenda acollida e expansión que está a ter Xoga coas Manciñas, “que enamora aos nenos e nenas, que se divirten, aprenden algo novo e logo llo transmiten aos seus amigos e familiares”. “Hai que darlle máis difusión á Lingua de Signos -afirmou o concelleiro de Benestar Social- e agradecemos a Xoga que conte con nós para este tipo de iniciativas. Estou convencido de que a valoración dos vídeos presentados será dura, pola calidade, as gañas e imaxinación que lles poñen”.


O Concurso Xoga coas Manciñas, impulsado co obxectivo de promover e difundir a lingua de signos entre o alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria e de sensibilizalo sobre a comunidade xorda, convida aos interesados en participar a gravar un vídeo en lingua de signos dun conto, canción, poema… Dun autor galego. Segundo as bases, a peza non poderá exceder os 5 minutos e deberá enviarse ao email mancinhas@organizacionxoga.org antes das 23:59 horas do 9 de xuño. As escolas poderán formar varios grupos, pero só terán a posibilidade de enviar un vídeo por grupo (a gravación non poderá ser individual).


Un xurado do que formarán parte Marcos Rey, Olga García Ballesteros, María Jesús Monterde, a deputada de Lingua, María Ortega, e máis un técnico de Xoga, reunirase o venres 10 de xuño ás 12:00 horas na Sala Valdecorvos da Casa Azul para proceder á votación das propostas presentadas. Entre as cuestións que se valorarán inclúense a coordinación da lingua de signos, a calidade da gravación no que atinxe a imaxe e son e o conto, poema ou canción orixinal e menos coñecida. O martes 14 de xuño ás 12:00 horas terá lugar no Salón de Plenos da Deputación o acto de entrega de premios do Concurso Autonómico ‘Xoga coas Manciñas’, cuns galardóns consistentes nun contacontos en lingua de signos e un taller de sensibilización gratuítos.


A organización Xoga conta na provincia Pontevedra con 178 persoas asociadas (unhas 630 a nivel autonómico), atendendo a máis de 2.000 familias.