O Concello estuda diferentes posibilidades para conectar os xardíns e bosque de Santa Clara coa praza de Barcelos

90
Dentro das opcións posíbeis aparece a idea de crear un tramo ou espazo soterrado desde a praza que conecte xa co xardín, por debaixo do muro
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo un positivo balance dos seis meses que Santa Clara leva sendo parte do patrimonio municipal do Concello de Pontevedra 

Este mércores, 1 de xuño, fai xusto seis meses que o Concello de Pontevedra formalizou a compra de Santa Clara. Foi o 1 de decembro do 2021, o intre en que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaba perante notario a adquisición do antigo convento das Clarisas, que desde ese intre pasou a ser parte do equipamento municipal da cidade e, polo tanto, un ben público.

Seis meses despois, o rexedor da cidade volveu ofrece unha comparecencia no seu interior, nun dos corredores do claustro, para facer un balance dese medio que transcorreu con Santa Clara como patrimonio de todos os pontevedreses. «Sabedes que para min, ese día, foi un dos días máis importantes para a historia da idade. Santa Clara, ao longo desde seis meses, deunos moitísimas alegrías e vainos aínda máis alegrías. Foron seis meses intensos, onde quedou demostrado o interese e as expectativas xeradas por esta compra; poucas veces recibín tantos parabéns, e estamos desbordados por todos os comentarios que nos foron chegando», explicou o alcalde. «Nese sentido, tamén quero pedir desculpas a toda esa xente que quixo coñecer Santa Clara e aínda non puido, mais tamén penso que tempo haberá no futuro, un futuro polo que seguimos traballando, para que o antes posíbel se poña a disposición totalmente pública, polo menos unha parte, este espazo, que durante 750 anos estivo agochado».

O rexedor da Boa Vila valorou tamén a boa conexión e sintonía que se está a manter coa Deputación de Pontevedra á hora de levar a rehabilitación de Santa Clara até bo porto, destacando a coordinación e a celeridade lograda neste tempo, permitindo xerar actividades, proxectos e actuacións en tempo récord. Nese sentido, máis de 15.300 persoas pasaron polo antigo convento a través das diferentes visitas —guiadas, sénior e portas abertas—, das actividades culturais e de ocio —concertos, conferencias, proxeccións, diálogos…— e das recepcións institucionais e sectoriais. 

«Concello e Deputación realizaron importantes actuacións político-administrativas: protocolos, postas a punto, limpezas, estudos… Todo o necesario para poder realizar actividades no interior deste espazo e deseñar e tecer un futuro para que todos e todas poidan gozar deste», sinalou Fernández Lores. «Dentro de dúas semanas está previsto que comecen os estudos arqueolóxicos e históricos de todo o recinto».

Alén deste balance do primeiro semestre de Santa Clara como parte do equipamento público da cidade, o rexedor quixo retomar e facer fincapé na idea da intención de abrir os xardíns e o bosque do antigo convento á cidade. É un obxectivo asinado no protocolo coa Deputación, e así consta, que a veciñanza poida facer un uso público dos espazos verdes. «Estamos estudando distintas alternativas para conectar estes xardíns coa rúa Santa Clara por un lado, e coa praza de Barcelos por outro», comentou o rexedor, que tamén quixo deixar entrever que sería un proceso complexo, por mor, por exemplo, da propia configuración do terreo, cunha diferencia de cota duns tres metros de media entre a praza e o espazo verde detrás do muro que separa ambos os dous espazos.

«Estamos vendo, tendo en conta a opinión de Patrimonio, claro, como lograr conectar Barcelos e os xardíns. Prestaríanos manter, dalgún xeito, ese misterio que fai de Santa Clara algo tan especial na cidade, por iso unha das posibilidades sería a de crear unha conexión que mantivese esa idea, que ao entrar en Santa Clara percibas toda esa monumentalidade», narrou o alcalde. Tomando as súas palabras, as posibilidades de conexión pasarían por dúas posibilidades básicas: crear o acceso á altura de Barcelos, sendo a creación dunha porta nesa cota e logo ocupar espazo do xardín para facer o acceso neste lugar; ou facer algunha actuación dentro da praza de Barcelos que xa leve ao visitante até a cota do xardín, unha especie de paso soterrado, que mantería ese nomeado misterio «de chegar e ver algo que non es quen de ver desde fóra».

«Como o faremos? Ramplas, ascensores, escaleiras… Poden ser moitas cousas, pero veremos que permite Patrimonio e así será metido como condicionante para facer un proxecto definitivo á hora de rehabilitar Santa Clara e abrilo ao público. O que está claro é que o espazo verde será dos cidadáns coma sempre traballamos para iso, e seguiremos traballando para que así sexa», finalizou o alcalde.