As obras da futura residencia da Eiriña comezarán, previsiblemente, este mesmo mes de xuño

14
O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, participou esta mañá nunha breve visita técnica ao carón da parcela das futuras instalacións como toma de contacto coa construtora encargada do proxecto
Entre os asuntos tratados estivo a cesión temporal dunha parcela pública nas proximidades para facer acopio de materials ou consultar a posibilidade de ocupar a vía pública en caso de necesidade  

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, realizou esta mañá unha visita técnica á parcela da Unidade 18, no barrio da Eiriña, onde se construirá a futura residencia pública para maiores promovida pola Fundación Amancio Ortega, entidade que dirixirá e asumirá o custe das obras.

Na pequena reunión entre construtora e edil, foron comentados algúns asuntos menores de cara ao comezo das obras que son inminentes: este mes de xuño deberían comezar. Os responsábeis do proxecto puxeron sobre a mesa algunha consulta e solicitude de cara a prever necesidades futuras nestes primeiros pasos das obras, como a petición de uso dunha parcela pública situada nas proximidades para facer acopio de materiais ou proceder cunha ocupación da vía pública —concretamente, da rúa Paxariñal— para maior comodidade. Sexa como for, a empresa, deberá facer unha petición formal deste asunto ao Concello, que resolverá nuns días e permitirá o inicio das obras.

Segundo os datos ofrecidos no seu día pola Fundación Amancio Ortega, a construción deste proxecto terá un orzamento de doce millóns de euros que procederán de xeito íntegro dos seus fondos, grazas a un convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia.

A parcela da Unidade 18 conta con preto de 5.000 metros cadrados —segundo o estudo topográfico realizado polo Concello, 5.120,80 metros cadrados, algo superior ao indicado polo Catastro—. O edificio non ocupa toda a parcela; ocupando a súa  planta baixa 3.247 metros cadrados, polo que quedarán case 2.000 de zonas libres. A superficie total construída será de 9.285,02 metros cadrados.