Benestar Social entrega os premios concedidos a 43 grupos de alumnos participantes nos Obradoiros de Prevención de Condutas Aditivas

25

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, presidiu esta mañá no IES Luís Seoane de Monte Porreiro a entrega dalgúns dos premios concedidos aos 43 grupos de alumnos gañadores entre os participantes nos Obradoiros de Prevención de Condutas Aditivas organizados nos CEIP, IES e CIFP da cidade durante o curso 2021-2022. Os talleres forman parte do programa de accións desenvolvidas dentro do ámbito escolar no marco do Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas do Concello en colaboración coa Consellería de Sanidade. 

Segundo subliñou Marcos Rey, “estes obradoiros, dirixidos á poboación estudantil desde 5º de Primaria a 4º da ESO e ciclos de FP, trabállanse tanto adiccións a substancias, como o tabaco, alcohol, cánabo… Como outras adiccións comportamentais: Internet, móbil, xogo on line, apostas ou compras impulsivas”. “Para afondar nestes temas, cada grupo de aula recibiu unha formación de 4 horas no caso de Primaria e de 5 horas no caso de Secundaria e FP. Estas sesións adaptáronse a súa idade e serviron para desmontan mitos e analizar os patróns de consumo e as estratexias publicitarias das diferentes marcas, traballando as consecuencias do consumo ou mal uso e reforzando a actitude crítica para facer fronte á presión grupal. Todo isto fíxose con educadores/as expertos en prevención de condutas aditivas e cunha gran bagaxe no traballo grupal”, explicou o edil do PSOE.


Tal e como apuntou Rey, “existe un traballo intenso no bo uso das TIC, xa que os estudos recentes manifestan un aumento de condutas disruptivas relacionadas con este tema e, por iso, a actividade reforzouse este ano cunha formación específica sobre os aspectos legais das TIC, impartida por un experto membro das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”. Todo isto a través de dinámicas participativas e coa organización de diferentes concursos para favorecer a implicación do alumnado nesta actividade. “Froito destes concursos -sinalou Marcos Rey- sae un grupo gañador por cada curso da ESO. O agasallo é un bono para que os integrantes de cada grupo poidan realizar xuntos nunha actividade de lecer, neste caso, unha sesión de escape room”.


Durante o curso 2021-2022 participaron neste programa máis de 4.000 escolares de 26 centros educativos: CEIP Froebel, CEIP Daría González García, CEIP Xunqueira I, CEIP Xunqueira II, CEIP Barcelos, CEIP Santo André de Xeve, CEIP San Martiño, CEIP Cabanas, CEP Marcos da Portela, CEIP Manuel Vidal Portela, CEIP Vilaverde-Mourente, CEIP San Bieito de Lérez, CEIP Ponte Sampaio, IES Torrente Ballester, IES Luis Seoane, IES Montecelo, IES Xunqueira I, IES Xunqueira II, CIFP A Xunqueira, IES Sanchez Cantón, IES Valle Inclán, IES Frei Martín Sarmiento, Colexio Sagrado Corazón de Praceres, Colexio Juan Sebastián Elcano, Colexio Sagrado Corazón de Jesús e o Colexio Calasancio.


O concelleiro de Benestar Social indicou que “esta non é unha intervención illada, senón que desde o Plan Municipal de Prevención Condutas Aditivas tamén se fan outras accións, coma as Escolas de Familia e Prevención a través do cinema, para chegar a toda a comunidade educativa desde unha perspectiva  integradora”.