A canteira do Cisne volverá facer vibrar o Pavillón dos Deportes esta fin de semana coa celebración do sector do Campionato de España de Balonmán en categoría infantil

40

A mellor canteira do balonmán galego non para de ofrecer momentos inesquecibles. Despois do ascenso a Asobal do primeiro equipo e de que os cadetes se clasificaran para a fase final do Campionato de España, o Pavillón Municipal dos Deportes prepárase para volver vibrar cos xoves talentos do Club Cisne Balonmán co sector nacional infantil que acollerá a nosa cidade esta fin de semana, entre o venres 3 e o domingo 5 de xuño.


O equipo pontevedrés enfrontarase neste sector de clasificación para a fase final, organizado en colaboración coa Federación Galega de Balonmán e a Concellería de Deportes, ao CBM Gáldar Gran Canaria, o Balonmano iKasa de Madrid e o Atlético Basauri Balonmano Club. O evento deportivo foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron o presidente do Cisne, Santi Picallo, e o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen enxalzou a magnífica tempada realizada polo club branco, “cun salto a Asobal que foi unha auténtica proeza, sobre todo tendo en conta o orzamento que tiña”, pero tamén nas categorías base, infantil, cadete e xuvenil. “É difícil que nun mesmo ano, un equipo sénior acade un ascenso -sinalou o edil socialista- e tódolos demais equipos de base sexan campións de Galicia, sen excepción. Isto fala moi ben do traballo que se vén facendo, porque estas cosas non se improvisan. En categoría cadete estamos xa entre os 8 mellores de España e na xuvenil, onde viñamos de ser campións nacionais, un gol nos deixou fóra da fase final”.


Tino Fernández animou á xente a que se achegue ata o Pavillón dos Deportes “a dar ánimos aos xogadores do Cisne”, como se fixo no sector cadete, e sobre todo “a desfrutar do balonmán sen limitacións, que é como xogan os infantís, cun xogo máis aberto e libre e con menos limitacións tácticas, e polo tanto, máis bonito de ver”. O concelleiro de Deportes tamén aproveitou a ocasión para felicitar a Santi Picallo e ao adestrador do conxunto pontevedrés, Javier Fernández ‘Jabato’, pola Medalla de Bronce ao Mérito Deportivo que lles acaba de conceder a Federación Española de Balonmán, “que supón o recoñecemento a un traballo feito con moito cariño e con sentido común”.


O presidente do Cisne considera que o club ten por diante un grupo complicado nesta fin de semana, cun vello coñecido como o Gáldar canario, un equipo emerxente e de maior capacidade de traballo nas categorías inferiores como o iKasa de Madrid e o Atlético Basauri de Euskadi, “unha zona do país onde o balonmán é unha relixión, polo que supoñemos que presentará un equipo de moi bo nivel”. Para Picallo, os infantís foron os xogadores que máis sorprenderon dentro do club ao quedar campións galegos, xa que “foron os rapaces que máis se viron afectados polo tema da pandemia (esencialmente pola escaseza de adestramentos) e o último ano de alevín e o primeiro de infantil son os máis importantes na evolución dos xogadores”. “Estamos moi orgullosos deste equipo -afirmou-, que xoga francamente ben”.


Santi Picallo admitiu que a clasificación para a fase final do Campionato de España Cadete que se celebrará en Elche entre os días 8 e 12 de xuño “altéranos un pouco a perspectiva económica de cara a este peche de campaña”. Neste sentido, aproveitou a rolda de prensa para presentar unha nova campaña de crowdfunding ‘Operación Kilómetro’ que o club puxo en marcha para recadar fondos que financiarán esta viaxe, de máis de 2.000 kilómetros. “Con dous euros -explicou Picallo- pódese mercar un kilómetro. Apelamos a xenerosidade dos nosos afeccionados e da cidadanía de Pontevedra para que o equipo poida desprazarse coa comodidade debida. As doazóns xestionaranse a través da plataforma Cluber e poñendo á venda tíckets de 2, 5, 10, 20 e 50 euros en varios establecementos da cidade”.