O parque infantil de Marcón reabrirá logo da súa renovación a vindeira semana

9
O proxecto de mellora contou cun orzamento de 48.000 euros e xa está rematado a falta duns últimos retoques que precisan de mellores condicións meteorolóxicas para ser acometidos 

O concelleiro e coordinador do rural Alberto Oubiña visitou esta mañá de martes, 31 de maio, as novas instalacións do parque infantil de Marcón, situado ao carón da casa de cultura da parroquia. O parque acaba de recibir unha renovación integral, sendo desfeito e creado de novo, na práctica, desde cero. 

O proxecto contou cun orzamento de 48.000 euros, e foi executado pola empresa HPC Ibérica. A día de hoxe, o parque conta cun novo valado, un novo pavimento e unha renovación total de todos os elementos de xogo, listos para usar polas crianzas que visitan esta zona da parroquia. «É un espazo moi concorrido e agardamos que quede dispoñíbel para o seu uso a partir da vindeira semana, a falta dun par de retoques á instalación, previos á inauguración, que dependen dunhas mellores condicións meteorolóxicas», explica Oubiña.

«Queremos que os cativos e as cativas gocen deste novo espazo, tanto os de Marcón como os que visiten de parroquia, mantendo ademais un alto nivel de calidade neste tipo de parques», finalizou o edil.