«Crear unha cidade integradora e de gran calidade ambiental», dúas ideas centrais á hora de redactar os obxectivos do PMUS

72
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afondou e presentou os obxectivos específicos e xerais que integran o Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel que está a piques de rematar a súa redacción
O futuro da cidade a oito e dez anos pasa por tomar medidas equitativas que non prexudiquen a veciñanza, limitar tráficos innecesarios e continuar mantendo o estándar de alta calidade urbana que posúe a Boa Vila, amais de crear novos espazos de convivencia e participación 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá de martes, 31 de maio, co obxectivo de presentar os obxectivos que aparecen recollidos no Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel (PMUS) e que está a piques de finalizar a súa redacción. Tal e como foi explicado noutras ocasións, este Plan é un documento que permitirá avanzar no modelo urbano da cidade, «cunha previsión mínima de 8 ou 10 anos», segundo as palabras de rexedor, adaptando o modelo Pontevedra ás esixencias lexislativas actuais. «É un documento que permitirá mellorar a calidade da vida de todos e todas, tomando como base a mobilidade sostíbel. No fondo, o PMUS é un proceso compartido coa sociedade, coa veciñanza e con todas as administracións que teñen que ver coa mobilidade. Entre todos, nese traballo conxunto, lograremos crear unha cidade integradora, de alta calidade ambiental, cun mellor espazo público e cun maior atractivo para vivir».

Na práctica, o documento contará con dous tipos de obxectivos distintos: xerais e específicos. Os primeiros suman un total de dez, se ben poden ficar resumidos en tres puntos ou apartados globais, tal e como sinalou o alcalde da Boa Vila. Nese sentido, Pontevedra, todo o seu espazo urbano, pasará a ser unha zona de tráfico restrinxido; un fito que será conseguido ao ir reducindo paulatinamente os tráficos excesivos, chegando a ter só o necesario para que a cidade funcione. Deste xeito non será preciso cobrar por entrar na contorna urbana cun vehículo a motor e tampouco será necesario o uso de etiquetas nestes.

«Pontevedra é a única cidade que pode facer algo así, adaptarse tan ben a Lei de Transición Ecolóxica por esta vía concreta, a de reducir tráficos innecesarios e gañar espazo público para as persoas, a vez que todos construímos unha cidade integradora e de gran calidade ambiental», comentou o rexedor. 

No tocante aos obxectivos específicos, o alcalde tentou facer un breve resumo dos 34 inclúe que o futuro documento, mais fixo fincapé na importancia de continuar e manter os cero mortos por atropelo na Boa Vila, cifra que permaneceu invariable en vías urbanas ao longo da última década, ao mesmo tempo que se aprecia unha baixada descendente no número de feridos por violencia viaria. Outro punto específico sería a redución de tráfico pesado en Domingo Fontán, que viría da man da creación da variante de Alba por parte da Xunta de Galiza. Tamén aparece a racionalización do tráfico a motor no viario paralelo ao río e a ría; adopción de medidas equitativas a hora de promover a mobilidade, aumentar cada ano un 1 % a mobilidade peonil, con máis circuítos e novas medidas disuasorias; aumentar cada ano un 2 % a mobilidade ciclista; e «algo que me parece moi significativo» gañar cada ano 4.000 metros cadrados para estancia peonil ou compartida; reducir a contaminación acústica do tráfico; a mellora ambiental das marxes do Lérez, etcétera.

«Estamos traballando e neste intre imos facer a aprobación inicial para que logo poidamos facer a súa exposición de cara ao público. Probablemente durante o mes de Xuño. Nesa exposición é ponde queremos que se faga unha participación o máis activa posíbel, para que todos os cidadáns poidan coñecer e presentar propostas que logo serán incorporadas ao documento para a súa aprobación definitiva», comentou o alcalde. «Os cidadáns teñen dereito a utilizar o coche na cidade sempre en cando o tráfico que fagan sexa necesario, tentando reducir o tráfico de paso e o tráfico de axitación ou de busca de aparcadoiro. A idea central é que sexa un proceso compartido por toda a cidadanía, incluíndo as administracións; crear unha cidade feita entre todos e todas. Tamén volveremos reunir a Mesa M4 para comprobar os obxectivos conseguidos e axilizar cuestións comúns».