A Escola de Arquitectura de A Coruña e o Concello de Pontevedra estreitan lazos cun acordo de colaboración entre as dúas entidades

16
Urbtopías e a Placemaking Week serán xa citas que contarán, de seguro, coa colaboración da Escola coa idea de poñer en valor o traballo realizado dentro do país no seu eido de actuación
A ETSAC xa vía a Boa Vila como un modelo sobre o que traballar, que define como un «fogar  público» e sobre o que o alumnado deberá actuar e reimaxinar

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, mantivo esta maña de luns, 30 de maio, unha xuntanza co equipo directivo da Escola Técnica de Arquitectura da Coruña (ETSAC). Esta reunión figurará no futuro como o punto de inicio, o capítulo un, dun «longo camiño de colaboración» que está por comezar entre Concello de Pontevedra e ETSAC.

«Tivemos varias xornadas de traballo na que por parte de ambas as dúas institucións achamos certa sintonía á hora de facer unha colaboración, de cubrir necesidades dun xeito conxunto. Logo de falar, moito, queremos abrir este camiño e asinar ou traballar nunha Sinatura dun protocolo de colaboración que dalgunha forma plasme esta sintonía e estas aportacións. Foi unha sorpresa saber que a ETSAC xa estaba traballando na nosa cidade, pois un dos proxectos de fin de mestrado —dun dos dous que ofrece na actualidade a Escola— xa propón a Boa Vila como escenario», explicou Gulías. «Propuxemos que aparte deste traballo existan máis liñas semellantes. Nós queremos colaborar a calquera nivel, xa sexa cedendo imaxes, arquivos, cartografía e outros elementos que permitan enmarcar o municipio dentro das investigacións que se realizan desde a Escola para toda Europa».

Alén desta colaboración, a edil de Promoción da Cidade afirmou que era preciso dar «un pasiño adiante» en dous dos eventos que están por vir, como son Urbtopías e a Placemaking Week. Nese sentido, Gulías lembrou que o primeiro é xa un evento referente a nivel nacional, un lugar que permite o diálogo, igualando o de fóra e o de dentro, polo que a dirección da Escola pasará a formar parte dun comisariado técnico e científico dentro de Urbtopías, establecendo «a importancia do galego e do que sae desta Escola, que é a Escola galega». Doutra banda, e dentro desa idea de fomentar o traballo realizado no país, a edil confirmou a presencia da ETSAC dentro da Placemaking Week, un evento internacional que terá como sede a Boa Vila e que achegará até a cidade a máis dun cento de expertos e expertas de renome global. «Ultimamente teño a sensación de que Galiza está de moda, producindo coñecemento en todos os eidos e, por suposto, no aproveitamento do espazo público como fixo Pontevedra».

Plácido Lizancos, director da ETSAC, destacou que a comunidade da Escola está composta por un milleiro de persoas que tamén ve en Pontevedra un lugar diferente. «Quero agradecer a empatía do Goberno Municipal coa nosa Escola, coa Academia e coa arquitectura, pois os seus intereses coinciden cos nosos: construír unha cidade «inclusiva, xusta, sostible e resiliente; no que todos e todas teñamos interese no ben común». A día de hoxe, e tal como explicou o director, a escola conta con catro títulos propios como son o grao en Arquitectura e en Paisaxe e os mestrados en Arquitectura e en Rehabilitación arquitectónica.

«Na ETSAC aprendemos a través de exercicios reais, de simulacións que poderían darse, e se estas  se aproximan o máximo posíbel á sociedade, mellor que mellor», comentou Lizancos. «O Concello pode darnos os puntos de maior interese dentro da cidade, ao tempo que nós achegamos os mecanismos de identificación para crear proxectos de interese académico».

Gulías explicou que lle pareceu moi interesante como a Escola vía Pontevedra, tal e como recolle o proxecto de fin de mestrado de Arquitectura para o 2022-2023, que bautiza á Boa Vila como un «fogar público», unas palabras que encaixan á perfección coa divulgación do modelo urbano que o Goberno leva anos defendendo e practicando. A Escola identifica tres lugares da cidade sobre os que traballar: o Burgo Norte, Moureira-Gafos e Marescot; tres lugares sobre os que o alumnado debería traballar e pensar á hora de unilos co ámbito público. «É un luxo saber que formadores de Galiza e alumnado da ETSAC estarán traballando coa nosa cidade», sinalou a edil.

Alén destes traballo, e mirando cara ao mestrado de Rehabilitación, a concelleira de Promoción da Cidade cre que de seguro acharán en Santa Clara e na Casa Consistorial dous proxectos de enorme interese sobre os que traballar e sobre os que debater ou ver como unha ensinanza práctica para proxectos de fin de curso. «Ese coñecemento será impagábel», finalizou Gulías.