A décima edición de Sete Falares encherá de historias Santa Clara

84
Organizado en colaboración con Pavís Pavós, contará con até oito xornadas onde o público escoitará historias da man de Fernando Guerreiro, Mohamed Hammú, Alberto Sebastián, Paula Carballeira, Lorena Pinheiro, Vero Rilo, Ana Carreira e María de Pontragha
Non será preciso reservar entrada para as diferentes sesións, agás a ‘Rota de historias’ que se realizará de noite, por diferentes lugares emblemáticos da Boa Vila  

Cun verán cada vez máis preto, o Concello de Pontevedra tamén comeza a anunciar a programación especial desta época do ano. Sete Falares, que celebrará este ano o seu décimo aniversario, é un dos ciclos culturais e de ocio que xa forman parte intrínseca da Boa Vila, e que un ano máis regresa con folgos renovados e moitas historias que ofrecer.

Entre o sábado 4 e o sábado 11 de Xuño, Pontevedra vivirá oito xornadas «nos que a palabra encherá Santa Clara de historias, de historias para compartir e escoitar», explica a concelleira de Festas, Carme da Silva. «Sete Falares foi cambiando de formato ao longo das edicións, propoñendo agora oito días de aventuras de todo tipo. Cómpre dicir que se ben empezou sendo un evento para espazos abertos, en prazas, vimos que a situación habitual de que cada vez que chega Sete Falares, e non importa que semana do ano sexa, sempre chove, sempre pasa, sempre; así que vendo as previsións, desta vez Concello e Pavís Pavós decidimos facelo xa en Santa Clara, e quen sabe se así poderemos evitar a choiva».

A edil explicou que a antiga igrexa de Santa Clara será un espazo único á hora de escoitar esas historias que contadores e contadoras galegas e doutras partes do mundo. Todas as sesións serán celebradas neste espazo, agás a Rota de Historias, unha cita moi concreta que se desenvolverá o venres 10 de Xuño, xa na noite, onde 4 grupos de 60 persoas percorrerán a cidade visitando lugares emblemáticos namentres escoita historias. As invitacións, para este caso, poderán ser recollidas na igrexa de Santa Clara desde ás 21.30 horas, collendo unha reserva para calquera das catro quendas que partirán desde este punto, a partir das 22 horas. O resto de espectáculos non precisarán reserva de ningún tipo, só asistir ao lugar até completar foro, e poden ser consultados na seguinte ligazón: