Unha instantánea realizada polo fotógrafo Emi Ramírez no marco do proxecto ‘Pontevedra, Cidade de Moda’, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, acaba de ser publicada na páxina web da prestixiosa revista Vogue. A imaxe foi tomada nos xardíns interiores da firma de artes decorativas índigo e nela aparece un modelo (Fall) con vestiario da tamén pontevedresa Vintage Village.
A iniciativa ‘Pontevedra, Cidade de Moda’ xurdiu co obxectivo de darlles visibilidade e publicidade a diversos establecementos de moda, calzado, complementos, decoración e interiorismo da cidade, poñéndoos en valor e facéndoos partícipes de spots publicitarios nos que as nosas rúas e prazas se converteron en pasarela e estudo de fotografía. O proxecto, coordinado por Emi Ramírez, contou coa colaboración de varios modelos e fotógrafos convidados, de diferentes lugares, razas e sexo.