O Local escribe un novo capítulo na súa historia apostando pola dixitalización e a realización de novas actividades

16
Obradoiros de música electrónica ou un festival desde os baños das instalacións son algunhas das novidades que ofrecerá o servizo municipal nos vindeiros meses
O espazo foi recuperando a súa normalidade, mais amosando novas dinámicas e posibilidades, multiplicando a presencia feminina por cinco e sendo escenario de novos formatos audiovisuais 

O Local continúa a ser un dos edificios municipais que gozan dunha maior actividade sociocultural dentro da cidade. Sempre tentando apostar por novos camiños, abertos e de interese para a mocidade da Boa Vila, o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, acompañados dos responsábeis da súa xestión, Diego Parajó, Marcos Rodríguez e Pablo Trovo, presentou o novo ciclo de actividades que terán lugar neste equipamento municipal, ao carón da estación do tren.

«Estamos perante unha nova etapa que poderíamos chamar de post pandemia», indicou o edil de Xuventude. «A pandemia supuxo unha revolución en moitos sentidos, logo dun traballo constante que funcionaba moi ben pero que tivo que ser totalmente reinventado por esa forza maior que foi a crise sanitaria. Por sorte, xa estabamos a traballar nun proceso de dixitalización, así que non nos pillou en cueiros, polo que logramos avanzar ben, sortear a pandemia en mellor condicións que outros espazos socioculturais e puidemos seguir botando unha a man esas persoas que querían probar cousas, ensaiar… aumentamos a formación dixital, levamos a cabo unha transformación».

Alén deste proceso de dixitalización, que cristalizou no uso de ferramentas como Discord, aplicación informática moi usada na actualidade, que permite a creación de espazos de discusión, divulgación e información, e que desde un tempo conta cunha canle xestionada polo Local; tamén se tentou volver reconducir á mocidade cara a este lugar, promovendo visitas e sesións piloto cos institutos da cidade, que levan ao seu alumnado a «cacharrear» a comprobar que hai tralas paredes verdes do edificio, e comproben que non só hai música, Senón que tamén se presenta como un espazo para a gravación de podcasts ou Tik-Toks, novos formatos audiovisuais que estouparon en popularidade nos últimos tempos.

Para o futuro inmediato, xa están programadas novos obradoiros de formación a través das ‘cápsulas formativas’. Centradas na música electrónica —principalmente—, serán o 28 de maio e o 4 de Xuño. A primeira tomando o programa Ableton como referencia, e, a segunda, a ferramenta de pinchadiscos Selecta.

Ademais, esa mudanza de escenarios que trouxo a pandemia, tamén derivou no Local na creación do chamado Ocupado Fest. Un festival diferente, moito, no que os escenarios principais serán os mesmos aseos do edificio, rebautizados como Ocupado Club e Ocupado Stage, e onde crearán pezas que verán a luz a través da canle de YouTube do Local.

Doutra banda, Oubiña quixo sinalar que a pandemia tamén trouxo cambios na propia dinámica deste espazo, que multiplicou a presencia feminina por cinco logo do paso da pandemia. «Volvemos co Local de Música a tope de actividade, a tope de xente nova e diversa, disposta a crear. Sempre o dicimos, pero é xente que está a tirar a porta abaixo, e amosa un potencial inmenso, algo que se pode comprobar en todas as actividades que realizamos desde o Concello e desde a empresa privada, cando promove actividades de micro aberto ou concertos», comentou o edil.