O edificio de Churruchaos será rehabilitado na procura dunha accesibilidade plena e dunha mellora xeral da súa distribución interna

39
O proxecto de rehabilitación terá un orzamento de 1.269.912,60 euros e o prazo de execución sería de seis meses, e optará as subvencións dos fondos PIREP 
A reforma habilitará novos espazos con luz natural, a eliminación de barreiras arquitectónicas e un aproveitamento máis óptimo do espazo de todo o edificio 

Hai uns días, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou en rolda de prensa unha ambiciosa actuación de rehabilitación como é a do edificio do antigo conservatorio da cidade. Nese sentido, agárdase percibir unha subvención dos fondos PIREP, dentro do marco dos Next Generation, para rehabilitación de equipamentos e mellora da súa eficiencia enerxética. Se ben o alcalde fixo público polo miúdo o primeiro dos proxectos xa nomeado, o Concello tamén presentou unha posíbel segunda actuación,  a reforma do edificio de Churruchaos, que a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, quixo hoxe explicar máis fondamente durante a súa comparecencia.

«É unha actuación que queda enmarcada dentro desa idea de acondicionamento dos equipamentos municipais para, por unha banda, dar un mellor funcionamento interno;: e, doutra banda, mellorar a accesibilidade dos edificios para todas as persoas que os visitan», sinalou a portavoz. «Churruchaos agora mesmo está ocupado por varios servizos e, se ben conta cun uso intenso, a súa distribución si é un tanto caótica e labiríntica, polo que precisa certa reforma espacial e dar solucións a diversos problemas».

Tal e como explicou Gulías, a idea inicial é mellorar e situar na planta baixa do edificio aqueles departamentos que teñen maior afluencia de usuarios, polo que alí serán trasladadas as oficinas de Patrimonio e o Servizo de Topografía, servizos que agora se atopan dentro da antiga Casa Consistorial. O resto de plantas quedará cunha distribución semellante á de agora, se ben contarán cunha distribución mellor, máis lóxica e accesíbel.

«Dentro deste fomento da accesibilidade imos poñer as entradas do edificio a nivel, tanto da rúa Churruchaos como Dona Teresa, para que non existan barreiras arquitectónicas. Tamén imos instalar un ascensor situado na escaleira actual, que sufrirá unha remodelación, vinculándose cun patio de luces que imos descubrir e deste xeito obter máis luminosidade, permitindo mesmo traballar con luz natural dentro do edificio, segundo a situación do posto de traballo, alén de actuacións que teñen que ver coa mellora na eficiencia enerxética, cun sistema eléctrico adaptado a estes tempos», comentou a portavoz. «Tamén haberá máis salas de xuntanzas que sirvan de espazos de traballo».

O proxecto de rehabilitación terá un orzamento de 1.269.912,60 euros e o prazo de execución sería de seis meses. O proxecto seleccionado, entre os presentados, foi o de Magdalena Portela.