O II Avoa Fest convídanos a viaxar ao pasado cunha romaría dos anos 50 e unha feira de cociña tradicional

322
  • A xornada festiva, impulsada pola Concellería de Promoción Económica no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro, celebrarase o sábado 28 de maio na Illa das Esculturas de 12:00 a 00:00 horas e pecharase cunha verbena
  • O evento gastronómico contará con sete postos de degustación de receitas típicas e incluirá campionatos de dominó e tute por parellas, clases para aprender a bailar ‘ajarrados’, alborada, música e animación da época e xogos tradicionais

Naceu baixo o paraugas da marca Pontevedra Capital Gastro co obxectivo de poñer en valor as receitas tradicionais das nosas avoas, cunha primeira edición que incluíu uns inesquecibles Desafío Filloa e Árbore da Memoria, e regresa neste 2022 disposto a superarse cunha proposta que nos fará viaxar ao pasado. O II Avoa Fest, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, pechará maio cunha romaría dos anos 50 na que, ademais dunha morea de postos de degustación de cociña tradicional, haberá alborada, música e animación da época, campionatos de dominó e tute por parellas, un curso para aprender a bailar ‘ajarrados’, xogos tradicionais e, por suposto, unha verbena á noitiña.

Unha nostálxica programación que se desenvolverá na xornada do sábado 28 de maio, entre as 12:00 e as 00:00 horas, no privilexiado escenario natural da Illa das Esculturas. “Un día enteiro de festa, de romaría, da mañá á noite, desas que se celebraban antes e que tamén forman parte do noso acervo cultural e etnográfico. Convidamos a tódolos pontevedreses e pontevedresas a vestir de época, dos anos 50, e a viaxar ao pasado para desfrutar do Avoa Fest”, explicou esta mañá no Concello de Pontevedra a edil de Promoción Económica, Yoya Blanco, durante o acto de presentación do festival.

Nunha comparecencia na que a socialista estivo acompañada polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, Blanco avanzou que tanto ela como o seu compañeiro de partido, “que nos suxeriu e deixou celebrar este evento na Illa das Esculturas”, asistirán á romaría “ataviados como corresponde, ao estilo de mediados do século pasado, e con moitas gañas de pasalo en grande botando uns ‘ajarrados’ coa xente que se achegue ata alí”.

Tal e como avanzou a concelleira do PSOE, “o programa de actividades inaugurarase ás 12:00 horas coa apertura dos postos de comida e bebida que participarán na feira gastronómica de cociña tradicional, unha alborada e actuación da asociación cultural Vides Novas e o inicio dos xogos tradicionais a cargo das diferentes asociacións de veciños de Pontevedra, que estarán apoiadas polos rapaces e rapazas da agrupación deportiva HQR!”. “Os postos de cociña deste Avoa Fest -indicou Yoya Blanco- foron ofertados á hostalería e empresas de alimentación da cidade, coa finalidade de impulsar, promover e poñer en valor a cociña tradicional e o seu tratamento por parte dos hostaleiros de Pontevedra. Cada establecemento participante disporá dun espazo con cociña e ofrecerá dúas elaboracións, unha delas como receita principal”.

A relación de postos é a seguinte:

  1. Casa Digna: ameixa á mariñeira
  2. A Fervella: carne ao caldeiro
  3. A Ponte do Marcón: churrasco
  4. Casa Cochón: orella
  5. El Maño: embutidos e choripán
  6. Mipa: pan e empanadas
  7. Pulpeiro de O Carballiño: pulpo á feira

Arredor das 13:00 horas terá lugar unha actuación do grupo de gaitas Os Alegres e xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, darán comezo os campionatos de dominó e tute por parellas (a inscrición poderá realizarse pola mañá na propia romaría) e os asistentes ao festival desfrutarán dun espectáculo de animación musical no que poderán escoitar ‘O que escoitaban as avoas e os avós’. “A partir de media tarde, o Avoa Fest animará aos presentes a mover o esqueleto, primeiro co curso para aprender a bailar ‘ajarrados’, e chegada a noitiña, desde ás 22:00 horas, con algo tan galego como unha verbena que se prolongará ata medianoite e que lle porá a guinda a esta romaría dos anos 50”, asegurou Yoya Blanco.

Para a concelleira de Promoción Económica, “este atractivo programa consolida ao Avoa Fest como un piar esencial do proxecto Pontevedra Capital Gastro e, polo tanto, da candidatura presentada pola nosa cidade para converterse en Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023”. “Ímolo pasar moi ben -afirmou Blanco- e estou segura de que esta romaría se vai repetir en vindeiros anos”.

Iván Puentes amosouse entusiasmado coa posibilidade de que a Concellería de Desenvolvemento Sostible se converta “en anfitrioa dunha magnífica idea da Concellería de Promoción Económica e de Yoya Blanco, como é a de darlle continuidade ao Avoa Fest”. Segundo apuntou, cando a súa compañeira lle dixo que este ano “o quería dedicar a esta cociña tradicional, pero coa participación dos establecementos da cidade, pareceume unha proposta magnífica e puxémonos a pensar onde a podiamos ubicar e o mellor sitio pareceunos o contorno do río Lérez, por varias cuestións: en primeiro lugar, pola vontade que temos desde o inicio do mandato de potenciar o Lérez como núcleo fundamental da cidade e eixo vertebrador desa nosa Pontevedra que queremos construír, con toda a rehabilitación das súas marxes na que estamos a traballar; e tamén porque o Lérez é o epicentro da historia romeira de Pontevedra”. 

“Ao pé do Lérez, moi preto da Illa das Esculturas, celebrouse toda a vida San Benitiño. Alí temos os salóns do Lérez -engadiu o edil do PSOE-, que están vencellados histórica e culturalmente a este tipo de tradicións. A Illa das Esculturas forma parte dese contorno, que non se pode separar desta tradición romeira aos pés da cidade e do río. Ao fondo da Illa, na zona de pradeira que está pegada ao bosque, faremos esta romaría… O do baile non o vexo tan claro, porque bailar non se me dá moi ben”.