O Colectivo Feminista e a Concellería de Igualdade organizan dúas xornadas de balde para analizar as diferentes formas de ‘Ser Nais’ na nosa sociedade

60

O Colectivo Feminista Pontevedra, en colaboración coa Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello, desenvolverá dúas xornadas nas que, baixo o título ‘Ser Nais’, se analizarán as diferentes formas de ‘maternar’, poñendo a énfase en que non existe un único modelo de ser nai na nosa sociedade. As charlas, organizadas no contexto da conmemoración do Día da Nai (o pasado 1 de maio) celebraranse no Salón de Actos do Pazo da Cultura este venres 20 de maio, de 17:00 a 19:00 horas, e o venres 27 de maio, de 17:00 a 18:00 horas.


Segundo sinala a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, “a entrada será de balde, ata completar aforo, e tamén será posible seguir as xornadas en streaming a través da canle de youtube do Colectivo Feminista Pontevedra”. “Nos relatorios deste venres, co epígrafe ‘Maternar Diverso’, participarán diferentes nais con realidades moi diversas: mamá menor de 30 anos, mamá acolledora, mamá nos anos 80/90, mamá que sufriu unha perda. Contarase tamén coa intervención de Jésica Rodríguez, presidenta da Asociación Española de Psicoloxía Perinatal”, avanza a edil do PSOE. 

A charla do día 27 de maio, titulada ‘Maternidade, violencia de xénero e violencia vicaria’, abordará a complexidade de exercer a maternidade cando se foi vítima de violencia de xénero e os cativos sufriron a chamada violencia vicaria. Contarase coa participación da axente de igualdade do CIM de Pontevedra Mercedes Renda.
A presidenta do Colectivo Feminista, Jennifer Iglesias, e a súa vicepresidenta, María Jesús Cuéllar, estiveron esta mañá no Concello con Yoya Blanco e mailas responsables do CIM, Rosa Campos (directora) e Mercedes Renda, para presentarlles o cartel das xornadas e expoñerlles os temas esenciais que pretenden abordar e reivindicar.