A Placemaking Week continúa pechando a súa programación e xa ten definidas as grandes áreas temáticas sobre as que pivotará

79
A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, insiste na importancia que Pontevedra e Galicia terán dentro da cita, con proxectos de seu, expertos locais e obradoiros creativos
Esta semana serán remitidas cartas a todas as deputacións galegas, amais de concellos, para promover a súa participación no caso de contar con traballos de relevancia no deseño do espazo público como xa se está a colaborar co Concello de Lugo 

A Placemaking Week 2022 que se celebrará na cidade de Pontevedra a finais de setembro queda marcada no calendario como unha das citas imperdíbeis xa non só da cidade, senón que terá unha capacidade de atracción internacional, ao ser unha cita que conxugará divulgación, pensamento, urbanismo, deseño e futuro; contando con algúns dos maiores expertos no mundo nestes eidos.

A medida que avanzan as semanas, o seu programa tamén comeza a amosar un aspecto máis pechado e concreto por parte do comité organizativo que se reúne cada semana e define todos os traballos previos a realizar. Nese comité está a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, que sinala que xa están fixadas as grandes áreas temáticas sobre as que se centrará a Placemaking Week Europe 2022, a saber: ‘Innovación e economía creativa’, ‘Burocracia creativa’, ‘O río e o verde como factores claves no deseño urbano’ e, por último ‘O desenvolvemento a escala humana para espazos públicos prósperos e resilientes’.

«Estas serían as grandes áreas temáticas, mais logo estamos a traballar en eixos máis locais, con temas máis concretos que se irán dando a coñecer a medida que avancemos», especifica a concelleira. Doutra banda, Gulías sinala que tamén vai tomando forma o programa de oradores, que está dividido en dúas partes, onde unha metade estará ocupada por clasesmaxistrais, grandes charlas que están pensadas para unha asistencia pública e masiva, e que serán contarán con expertos e estudosos relevantes do espazo público. Porén, a outra parte do programa pretende ser un escaparate de persoas investigadoras e relevantes no ámbito galego. «Queremos que sexa unha cita galega, un espazo para as persoas que desde Galiza aportaron moito ao deseño urbano e ao deseño dos espazos públicos. Estamos ultimando, xa fixemos contacto con expertos e con grupos da universidade e cristalizará todo nun programa que cremos do máis completo xa non só do Estado, senón de toda Europa», explica a edil.

A maiores destas primeiras aportacións do programa, haberá «moitísimos» obradoiros pensados para pequenos proxectos que poden servir de punta de lanza ou modelo. «En breve pedirémoslle consello ao sector creativo da cidade e, pola súa banda, a organización da Placemaking Week Europe lanzará unha open call, unha chamada, a todos eses proxectos de Europa, polo que podemos concluír que será un programa variado e máis que completo».

Retomando a importancia de Galicia dentro da Placemaking Week 2022, esta semana serán enviadas diferentes cartas, tanto ás deputacións como aos concellos galegos, por se están interesados en amosar algún traballo, algunha liña de colaboración, como aconteceu xa co Concello de Lugo, no que xa se está traballando de xeito coordinado.

Por último, Gulías fai fincapé no traballo que se está a facer cos patrocinadores, tanto a nivel europeo como a nivel local. Nese sentido, nas vindeiras semanas serán expostas as empresas que patrocinarán o evento.