Os maiores da Aula de Informática da Casa Azul súmanse á campaña de Confemac polo Día Mundial de Internet cunha fotografía que reivindica o seu dereito de acceder ás novas tecnoloxías

37

Un grupo de usuarios e usuarias da Aula de Informática da Casa Azul pertencente ao colectivo de persoas maiores decidiu sumarse coa Concellería de Benestar Social de Pontevedra á campaña impulsada pola Confederación Estatal de Maiores Activas/os (Confemac) para promover o pleno dereito das persoas maiores ás novas tecnoloxías co gallo do 17 de maio, Día Mundial de Internet. Fixérono cunha fotografía reivindicativa (que tamén será difundida a través de redes sociais), a carón dos seus respectivos computadores, amosando así o seu respaldo a unha iniciativa na que, baixo o lema ‘Persoas maiores, cos mesmos dereitos’, preténdese facer fincapé nos beneficios da rede para un envellecemento activo, así como na necesidade de suprimir as posibles limitacións que impiden o seu desfrute.

O concelleiro de Benestar Social, o socialista Marcos Rey, sinala que, con esta acción, tamén se busca subliñar “a responsabilidade que as empresas e administracións que programan servizos que funcionan con Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) teñen á hora de garantir o dereito de acceso das persoas maiores e de deseñar programas que teñan en conta as discapacidades da terceira idade, facendo accesibles tódalas aplicacións”. “Hai moitas persoas maiores que non queren ou que non se ven capaces de empregar internet e isto tradúcese nunha fenda dixital, nun tipo analfabetismo moi limitante que afecta a case tódolos asuntos da vida cotiá, desde solicitar unha cita médica e realizar unha xestión bancaria ata comunicarse con outras persoas ou obter información…”, subliña Rey.