O Concello de Pontevedra aproba unha modificación de crédito por valor de 11 millóns de euros, o que eleva o orzamento deste ano até os 118 millóns

60
O rexedor da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo fincapé nas partidas que mellorarán a luminaria na cidade e no rural, a aposta polo deporte e a mellora de instalacións, a renovación das casas de cultura ou a infraestrutura viaria no rural

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto co tenente de alcalde, Tino Fernández, compareceron esta mañá no Concello de Pontevedra para informar e presentar a ampliación de crédito aprobada en Xunta de Goberno por valor de 11.274.000 euros.

«Nós estamos convencidos que en estes tempos de inquedanza e dificultades, os gobernos debemos facer todo o que sexa posíbel para axudar as nosas veciñas e veciños a superar eses momentos», sinalou o tenente de alcalde. «Iso é o que vimos facendo desde que comezou a pandemia, agravada agora por unha guerra. Perante as crises, o goberno non se agocha, dá a cara e pon todos os recursos para traballar por e para as persoas. Ano a no establecemos un novo récord en canto a investimento, cun obxectivo claro. Este novo esforzo dará os seus froitos, algúns a curto prazo; outros tardarán algo máis de tempo, pero ninguén poderá dicir que non fixemos todo o que puidemos dentro das nosas competencias á hora de axudar á veciñanza».

Fernández lembrou que este ano comezou anunciándose un orzamento de récord, que unha vez incorpora os seus remanentes queda como o ano con maior previsión de investimento da historia da cidade, «isto é posíbel de loitar contra o armamento económico contra as crises». «Tanto o orzamento como a modificación que imos aprobar son cuestións de goberno, non é algo partidista, non hai unha pelexa entre socios, isto é un proxecto común e consensuado para investir alí onde é preciso, sen importar a concellaría que gasta máis, senón gastar no necesario»

O rexedor da Boa Vila, pola súa banda, explicou que esta modificación de crédito é posíbel por mor do «músculo financeiro» co que conta o Concello. «Estes investimentos traerán un aumento da actividade económica, do emprego e melloraremos equipamentos, servizos e, por suposto, promover eventos, cultura e deporte, o que se traducirá nunha mellor calidade de vida para toda a veciñanza».

Fernández Lores fixo fincapé nalgunha das partidas que aparecen recollidas nesta modificación de crédito, tal e como é a iluminación, cun investimento moi potente, de máis de 2 millóns de euros, «coa idea de loitar contra o quecemento global, buscar un menor consumo enerxético e obter unha maior calidade no servizo». «Destacaría un investimento na parte urbana da vila que collerá unha liña desde A Barca cara ao sur, por Riestra, Eduardo Pondal, incluíndo Campolongo e San Roque; namentres que no rural,a maiores do que xa estaba recollido no orzamento aprobado, vai ademais a parroquia de Lérez e o barrio do Burgo. Só restaría, por renovar luminaria, unha pequena parte da cidade e das parroquias só Salcedo e Tomeza por mudar toda a súa iluminación para LED».

O alcalde destacou tamén a partida de deportes, que supera os dous millóns de euros, con proxectos como o pavillón de Monte Porreiro, a primeira fase da nave de piragüismo das Corvaceiras e investimentos nos campos de fútbol da Xunqueira ou na conexión eléctrica para o campo de fútbol de Salcedo, entre outros.

O terceiro apartado a destacar sería o das casas de cultura e edificios municipais, nos que se investirá preto de 2 millóns de euros tamén. «Destacaría a casa de cultura de Bora, o antigo colexio de Pío; a casa de Cultura de Acevedo e; respecto dos edificios municipais, destacaría o primeiro andar do edificio de Michelena».

Amais da iluminación ou as instalacións deportivas, aparece cun apartado propio a infraestrutura viaria no rural, da que o rexedor destacou o «núcleo de centralidade de Parada-Campañó, e actuacións varias noutras parroquias que van desde Lérez a Cerponzóns».

Outra partida destacada é a de xardíns e parques infantís, nos que se investirá preto de un millón de euros. «Falamos dunha mellora en xeral, como poden ser as zonas verdes en Monte Porreiro, na rúa Alemaña e Reino Unido; máis tamén no Castañal ou na Xunqueira».

Por último, o alcalde resaltou a partida para promoción da cidade a través de eventos deportivos «que suman 450.000 euros dos que xa estaban previstos» como a proba da Copa do Mundo de Triatlón, que servirá de testeo para a Gran Final das Series Mundiais do ano 2023. Tamén aparecen os campionatos de ciclocross e o campionato do mundo de Loita sub-23. A estes eventos tamén se lles suma a Placemaking Week 2022.