O Concello recibe o equipo feminino do Tenis de mesa Monte Porreiro, que loitará polo ascenso á máxima categoría estatal

4
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pon en valor o traballo realizado polo club nos últimos vinte anos e deséxalles toda a sorte no mundo perante o que queda por competir
O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, sinala «o impulso que o deporte feminino está a ter» na Boa Vila, unha «cidade ambiciosa que aínda ten moito camiño por percorrer» 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recibiron esta mañá de mércores, 11 de maio, o equipo feminino do Tenis de mesa Monte Porreiro que loitará polo ascenso á Superdivisión feminina, a máxima categoría competitiva do Estado neste deporte.

Varias integrantes do equipo que competirá por facer posíbel este fito para a Boa Vila achegáronse até o Concello, xunto co adestrador Nando Álvarez que explicou que este «era un intre moi especial despois dunha tempada tan complexa». «Foi un ano difícil polas lesións, pola Covid e por ser unha liga moi competitiva; pero tamén espectacular. As rapazas demostraron un nivel enorme, con resultados individuais moi bos e estamos nun intre moi bo en todos os sentidos. Representaremos a Pontevedra con tres rapazas galegas en San Sebastián de los Reyes, algo que nos fai estar moi contentos».

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández quixo facer fincapé «no impulso que o deporte feminino está a ter nos últimos tempos en Pontevedra». «Nos últimos días varios equipos femininos desta cidade están loitando ou loitaron por subir de categoría. Estamos nun momento brillante, do que temos que estar satisfeitos, pero só moderadamente… Nós somos unha cidade ambiciosa, e estamos convencidos de que aínda temos moito camiño por percorrer no mundo do deporte, e máis no mundo do deporte feminino». O edil lembrou a necesidade de implicación dos clubs e das persoas á hora de lograr estes fitos, das horas que precisan logros así e levar adiante proxectos como o Tenis de mesa Monte Porreiro.

Pola súa banda, o rexedor da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, lembroulles ás xogadoras que «moitos e moitas imos estar con vós nesa fase de ascenso, sentiredes o alento da cidade aínda que sexa por Internet». «Estades xogando polo ascenso a máxima categoría do tenis de mesa en España, e iso é algo único para nós. Xa é un fito loitar por isto, e xa será incríbel se o logrades. É un éxito para o deporte feminino pontevedrés e, por suposto, para o deporte en xeral da nosa cidade».

«As pontevedresas con quen de competir en calquera sitio e moitas veces con menos recursos que outros equipos, por iso debedes sentirvos satisfeitas do traballo conseguido. Unha alegría tervos hoxe aquí e nuns días loitando por ese ascenso. Seguiremos moi de preto os resultados, por todas as vías que poidamos, e agardo recibirvos aquí, a vindeira vez, como un equipo xa de Superdivisión, que sería o único de Galicia, un éxito espectacular. Nós faremos o máximo esforzo para que teñades as instalacións que merecedes e polo traballo de máis de vinte anos que leva realizado o Monte Porreiro», finalizou o alcalde.