Tino Fernández inaugura o festival ‘dog-friendly’ XiraCan e anuncia que a firma Lenda Per Food fará dúas doazóns de 250 kg de alimentos ás protectoras Ohana e Os Palleiros

78

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes e Saúde, Tino Fernández, presidiu esta mañá nos antigos terreos de Tafisa (avenida de Bos Aires) o acto inaugural do festival ‘dog-friendly’ XiraCan, organizado polo seu departamento no contexto do programa A Vida é Movernos. O edil socialista anunciou que, no marco deste evento, orientado a divulgar os beneficios que a tenencia de animais de compañía ten para a nosa saúde e felicidade e convidar aos pontevedreses, con e sen can, a gozar dunhas xornadas cheas de aprendizaxe sobre o mellor amigo do home, “a firma Lenda Pet Food realizará unha doazón de 250 kg de alimentos a cada protectora participante neste XiraCan: Ohana e Os Palleiros”.


O festival, organizado en colaboración coa firma Rgm Eventos, desenvolverase durante toda a xornada de hoxe, até as 20:00 horas, e mañá, de 12:00 a 13:30 horas. O público que visite o XiraCan terá a oportunidade de realizar consultas sobre alimentación aos expertos de Lenda Pet Food, realizar adquisicións no mercadillo solidario das asociacións protectoras Os Palleiros e Ohana, desfrutar de música en directo, xantar ao aire libre (haberá unha food-truck) e asistir a exhibicións, charlas, obradoiros e desfiles que terán aos cans como protagonistas. 


Entre as actividades de deseñadas inclúese unha Zona Kids Gadis con talleres infantís de xogos tradicionais ‘co meu can’ e elaboración de chapas, xoguetes e colares para cans e gatos, que abrirá as súas portas hoxe ás 16:00 horas, xusto cando se inicie unha ‘Exhibición de Obediencia Clase internacional (Oci) e Xogo’ a cargo da educadora canina Iria Sánchez. A continuación, ás 16:30 horas, está prevista unha charla sobre ‘Beneficios para a saúde da tenencia de animais’ na que a empresa de educación natural Ada explicará en que consisten as intervencións asistidas con animais a nivel terapéutico e socioeducativo, mentres que arredor das 17:00 horas, esta mesma firma realizará un obradoiro sobre ‘Como mellorar o vínculo co teu can’.


A partir das 17:30 horas terán lugar sendos desfiles protagonizados polos cans e cadelas das protectoras Os Palleiros e Ohana, ás 19:00 horas unha interesante charla titulada ‘Mellora a túa saúde adestrando co teu can’ a cargo da técnica superior deportiva e educadora canina Chus Pérez e ás 19:30 horas unha clase participativa de Dog Fitness aberta ao público. Ademais de poder colaborar cun novo mercadillo solidario das protectoras, de efectuar consultas sobre alimentación no stand de Lenda Pet Food e de máis obradoiros infantís na Zona Kids Gadis, os que se acheguen ata o XiraCan na xornada de mañá terán ocasión de participar nunha andaina canina monitorada por adestradores profesionais, con saída ás 12:30 horas. Un xantar ao aire libre poralle a guinda a este festival.