Os Xardíns que Falan conxúranse co Pontevedra CF para acadar o ascenso directo á Primeira División RFEF

493

O proxecto Xardíns que Falan, impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para converter as zonas verdes do municipio en espazos vivos, dinámicos e comprometidos, volve alzar a súa voz unha vez máis, nesta ocasión para conxurarse con toda a cidade e co seu equipo de fútbol, o Pontevedra CF, para que poida acadar o ascenso directo á Primeira División RFEF. Nunha nova instalación realizada polo Servizo de Parques e Xardíns en colaboración coa firma Troquiña, os xardíns da Praza de Ourense amañeceron hoxe cunha portería de fútbol flanqueada por uns fermosos arranxos florais e dous carteis granates co escudo do club pontevedrés e as mensaxes ‘Dalle Ponte!’ e ‘… a fonte da Ferrería, San Bartolomé da Praza’ (pasaxe da coñecida ‘Pontevedra é boa vila, dá de beber a quen pasa’).


Co obxectivo de desexarlles a mellor das sortes e toda a súa forza ante as transcendentais ‘finais’ que lle quedan por diante ao equipo (a primeira delas, mañá, ante o Salamanca), o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e os seus compañeiros Yoya Blanco e Marcos Rey, edís de Promoción Económica e de Benestar Social, achegáronse esta mañá ata a zona verde acompañados polos xogadores Churre e Charles e os membros do consello de administración do Pontevedra CF Luis Durán, Juan Abal e Ricardo Tilve.