O Concello súmase á conmemoración do Día Mundial da Osteoxénese Imperfecta iluminando o Consistorio con luz de cor amarela na noite de mañá ao sábado

29

A Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey, sumarase aos actos conmemorativos organizados co gallo do día 6 de maio, Día Mundial da Osteoxénese Imperfecta (máis coñecida como enfermidade dos ósos de cristal) coa iluminación simbólica da Casa Consistorial con luz de cor amarela na noite do venres ao sábado. Deste xeito, o Concello participa na campaña de visibilización impulsada pola Asociación de Huesos de Cristal de España OI (Ahuce), Asociación en Madrid de Osteoxénese Imperfecta (Amoi) e Fundación Ahuce baixo os lemas #losAbrazosNoFacturan (a nivel nacional), #1voice4OI e #WishboneDay2022 (da campaña internacional), coa finalidade de promover a concienciación e o coñecemento sobre esta patoloxía pouco frecuente, conxénita e actualmente incurable.


A osteoxénese imperfecta comprende un grupo heteroxéneo de trastornos xenéticos caracterizados por un aumento da fraxilidade ósea, baixa masa ósea, susceptibilidade a fracturas óseas frecuentes de gravidade variable, dor crónica, hiperlaxitude, perda de audición, problemas de visión e un amplo abano de manifestacións clínicas. Tal e como explica Marcos Rey, “o Concello de Pontevedra adheriuse á iniciativa que se desenvolverá en toda España baixo o título ‘Ilumina o mundo de amarelo’, que é a cor representativa do Día Mundial da OI, e a través da cal decenas de edificios e monumentos de distintos puntos do territorio iluminaranse de amarelo este 6 de maio, entre eles o Consistorio municipal”.


“Animamos á cidadanía -afirma o edil do PSOE- a vestir de amarelo e a fotografarse co emblemático edificio da Praza de España cando estea iluminado e a publicalo a través das redes sociais cos hashtag #wishboneday, #1voice4OI e #LosAbrazosNoFracturan, como fará por suposto un servidor”.