Un Ganapán vexetariano con bolboretas máxicas e simpáticas curuxas

11

O programa de lecer infantil O Ganapán, destinado a nenos e nenas de 4 a 10 anos, regresa esta fin de semana ao Mercado de Abastos cun programa no que terán moito protagonismo as receitas culinarias vexetarianas. Asemade, o espazo impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo desenvolverá uns divertidos obradoiros de manualidades nos que a rapazada poderá crear fantásticos animais cos materiais máis sinxelos.


A programación abrirase o sábado 7 de maio cun taller de elaboración de saborosas hamburguesas vexetais e outro no que os máis pequenos terán a posibilidade de xerar unhas bolboretas máxicas ideais para xogar ou decorar e encher de ledicia as plantas de casa ou o xardín. Segundo apunta a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, “a diversión continuará o domingo 8 de maio cun novo obradoiro de cociña no que os nenos e nenas poderán realizar uns fabulosos crocantes de cabaciño e outro no que confeccionarán unhas simpáticas curuxas en movemento”.


“Tódolos talleres celebraranse a partir das 12:00 horas. Todos aqueles nenos que desexen participar -explica Yoya Blanco- deberán reservar praza previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao de celebración das actividades, indicando no correo se teñen algunha alerxia ou intolerancia. Como sempre, recoméndase traer friameira para levar a casa os deliciosos pratos cociñados”.