A Concellería de Benestar Social pon en marcha unha rede de autoapoio e participación social que aglutinará ao tecido asociativo baixo a árbore do pioneiro programa Proponte

59

Facilitar un coñecemento global, permanente e actualizado da situación do tecido asociativo e impulsar a participación organizada da cidadanía e dos diversos grupos sociais son algúns dos principais obxectivos do pioneiro programa Proponte, impulsado pola Concellería de Benestar Social de Pontevedra. Baixo os principios da ‘glocalización’ (pensar globalmente e actuar localmente) e de non deixar fóra ninguén (abranguendo os ámbitos urbano e rural), este proxecto pretende tecer unha rede de participación e transformación social próxima, aberta e flexible, amosando de xeito innovador que é posible a equidade de tódalas persoas na diversidade, desde a igualdade e sen segregacións nin discriminacións.


Deste xeito, Proponte, que conta cun espazo propio na nova páxina web do Servizo Municipal de Benestar (https://benestar.pontevedra.gal/), busca promover investigacións, estudos, enquisas, reunións de expertas/os, grupos de traballo e cantas iniciativas se consideren necesarias para afondar no coñecemento do tecido asociativo, así como ordenar e analizar a información dispoñible e promover procesos de innovación mediante a aplicación de modelos de xestión, programas e servizos que melloren a calidade da atención. Entre as liñas de axuda que se contemplan dentro deste programa, presentado hoxe no Concello polo edil de Benestar Social, Marcos Rey, inclúense “asesoramento técnico na posta en marcha e consolidación do tecido asociativo; apoio á iniciativa social para a creación de asociacións e a elaboración e avaliación de proxectos que fomenten a participación cidadá, e colaboración na organización de eventos e encontros locais que propicien o coñecemento de experiencias en materia asociativa”.


Tal e como sinalou Rey, “polo momento, xa forman parte deste proxecto máis de 50 colectivos e entidades sociais da cidade e as 15 parroquias, entre as que se inclúen as asociacións socio-sanitarias, as asociacións de inserción laboral, as de acción social, as de migracións, as que forman parte do que chamamos Proponte Rural e outras asociacións colaboradoras (https://benestar.pontevedra.gal/as-asociacions/)”.


 “Trátase pois dunha árbore con moitas pólas, como a que se empregou para crear o logotipo do programa, por cuxa ‘savia bruta’ converxen as accións da Concellería, as asociacións e entidades do terceiro sector e a cidadanía/veciñanza. Unha árbore cun tronco que conforman o Concello e o tecido asociativo da cidade e 15 pólas que representan ás parroquias”, sinalou Marcos Rey.


A través deste proxecto ofrecerase apoio económico e metodolóxico para dar visibilidade e recoñecemento a actividades de interese para o sector (mesmo xerando espazos de traballo colectivos co respaldo técnico do Concello). Tamén se organizarán actividades de formación con asesoramento e acompañamento de persoas expertas e relacionadas con temáticas clave para o bo funcionamento asociativo.


Ademais, elaborarase un Mapa de Acción Comunitaria e cederanse espazos funcionais, tanto interiores como exteriores (https://benestar.pontevedra.gal/rede-publica-de-espazos/) que poidan acoller todo tipo de actividades asociativas (reunións, asembleas, cursos…), de xeito que, como afirmou o socialista Marcos Rey, “se consoliden espazos de proximidade para que a veciñanza participe como motor da vida comunitaria tanto en ámbito rural como no urbano”. 


O programa Proponte será presentado ante diversos colectivos e entidades do terceiro sector este sábado 30 de abril ás 11:00 horas no salón de actos da Residencia de Maiores de Campolongo.