A Vida é Movernos e Getting Jiggy convídannos a celebrar o Día Internacional da Danza movendo o esqueleto nun maratón de baile na Praza da Ferrería

256

Naceu con baile e a través da danza xa nos deixou algúns momentos inesquecibles como a clase maxistral do coreógrafo Rafa Méndez no pavillón do Príncipe Felipe. O ritmo e o baile son unha seña de identidade de A Vida é Movernos e por ese motivo, aproveitando que este venres, 29 de abril, é o Día Internacional da Danza, o programa municipal impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde convídanos a celebralo do mellor xeito: movendo o esqueleto nun maratón de aulas de baile impartidas pola escola multidisciplinar Getting Jiggy Dance Studio.


O evento, amenizado con demostracións dalgúns alumnos e profesores da escola, desenvolverase na Praza da Ferrería entre as 19:00 e as 22:00 horas, estará aberto a todas aquelas persoas que desexen participar nas clases (de calquera idade) e rematará cunha festa latina na rúa. Segundo apunta o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, impulsor de A Vida é Movernos, “o obxectivo desta iniciativa é celebrar o Día Internacional da Danza, compartindo con toda a cidadanía a enorme paixón que existe polo baile en Pontevedra”.


“A programación inaugurarase coa lectura dunha mensaxe polo Día da Danza 2022, ao que seguirá unha coreografía sorpresa que nacerá entre o público, denominada ‘Un novo eu desperta’, e unha animación. Ás 19:15 horas darán comezo as aulas cunha clase de hip hop de nivel iniciación impartida por Andrea Portela”, avanzou o edil socialista.


O programa continuará en torno ás 19:45 horas cunha aula de baile comercial (comercial dance) e dancehall de nivel intermedio a cargo de Verónica Aboy, seguida de demostracións e coreografías de alumnos e alumnas de Getting Jiggy, en estilos tan variados como o jazz contemporáneo, o hip hop, a roda de latinos e a danza comercial. Ás 20:30 horas comezará unha clase de zouk brasileiro (baile en parella) impartida por Luciano Gomes e Verónica Aboy, que dará paso a unha nova quenda de demostracións e ‘coreos’ de zouk, R&B, dancehall e hip hop protagonizada por profesores e alumnos.


Tal e como sinala Tino Fernández, “esta tarde-noite de baile e diversión terá o seu colofón a partir das 21:15 horas cunha grande festa latina na rúa, na que todo o mundo poderá desfrutar de música deste estilo, como bachata, salsa ou zouk, de xeito que tanto o alumnado de Getting Jiggy como a cidadanía participante no evento poidan soltarse e gozar ao máximo bailando libremente”.


Aquelas persoas interesadas en participar no evento ou que queiran obter máis información sobre o mesmo poderán contactar con Getting Jiggy a través do email gettingjiggy.info@gmail.com. A escola de danza multidisciplinar dirixida por Verónica Aboy e coordinada por Luciano Gomes conta cun grande número de traballos realizados a nivel nacional e internacional, desde a formación de bailaríns á creación de espectáculos e eventos para todo tipo de público, obtendo premios en diferentes concursos.