A Concellería de Benestar Social sumarase á conmemoración do Día Europeo da Solidariedade e a Cooperación entre Xeracións cun selfie comunitario e a lectura dun manifesto na Residencia de Maiores de Campolongo

26

A Concellería de Benestar Social de Pontevedra, que dirixe o socialista Marcos Rey, sumarase esta fin de semana á campaña de conmemoración do 29 de abril, Día Europeo da Solidariedade e a Cooperación entre Xeracións, impulsada pola Confederación Estatal de Maiores Activos (Confemac) xunto ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 baixo o lema ‘Todas/os aprendemos, todas/os ensinamos’. A iniciativa ten o obxectivo de promover a inclusión e participación das persoas para que brinden as súas achegas á sociedade actual, fomentar a comunicación entre as distintas xeracións e, con isto, contribuír a unha maior solidariedade interxeracional.


Coincidindo co acto inaugural do novo programa Proponte este sábado 30 de abril na Residencia de Maiores de Campolongo (proxecto que será presentado mañá en rolda de prensa no Concello), os actos conmemorativos organizados desde Benestar Social traduciranse na realización dun selfie comunitario co cartaz da campaña na pantalla do escenario e na lectura dun manifesto por parte dunha/dun usuaria/o da Residencia ao seu neto ou neta. Tal e como subliña o edil do PSOE Marcos Rey, “as relacións interxeracionais son moito máis que a unión de persoas de distintas idades e supoñen unha implicación real na que as distintas xeracións comparten, aprenden e ensinan coa finalidade de xerar un beneficio mutuo como cidadanía”. “Nas actuais circunstancias precísase máis que nunca a comunicación entre xeracións que axuden a casar a experiencia co emprendemento para avanzar no futuro”, asegura o concelleiro.


O día 29 de abril foi instaurado Día Europeo da Solidariedade e a Cooperación entre Xeracións a partir de 2009, grazas a organizacións como a Plataforma Europea de Persoas Maiores e o European Youth Forum. Esta celebración é a primeira de oito campañas que, baixo o lema ‘Persoas maiores cos mesmos dereitos’, puxo en marcha Confemac xunto a concellos de todo o territorio nacional para poñer en valor os dereitos das persoas maiores. “Sendo estes dereitos iguais que os das persoas doutras idades, soen vulnerarse con maior frecuencia”, sinala Marcos Rey.