Os 7.000 usuarios das piscinas do Complexo Deportivo de Campolongo serán os primeiros de Galicia en dispoñer de información detallada das súas sesións de natación grazas a un pioneiro sistema de intelixencia artificial

292

Os arredor de 7.000 usuarios das piscinas do Complexo Deportivo Municipal de Campolongo serán os primeiros de Galicia en dispoñer de información detallada sobre as súas sesións de natación grazas ao novo sistema de intelixencia artificial Nagi Smartpool instalado pola concesionaria BeOne. A nova tecnoloxía, desenvolvida pola empresa valenciana Zonyx e que permite monitorizar o número de series realizadas, os metros percorridos ou os minutos de exercicio e descanso e mesmo controlar o tempo que o cliente leva somerxido baixo a lámina de auga, foi presentada esta mañá nas instalacións do complexo deportivo nun acto no que participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o CEO do Grupo BeOne, Roberto Ramos; o xefe do Servizo Municipal de Deportes, Jaime Agulló; o director do centro, José Bamio, e a coordinadora de auga do mesmo, Rebeca González.


Trala benvida ás autoridades, Fernández asistiu a unha demostración en directo do sistema Nagi por parte de persoal do complexo de Campolongo, comprobando in situ os beneficios dunha tecnoloxía que complementa a App BeOne (coa que os usuarios do centro deportivo xa podían reservar clases, facer un seguimento dos seus adestramentos na sala de fitness ou accede a actividades en streaming) e que ofrece unha ‘capa’ extra de seguridade, ao facilitar que os socorristas teñan controlada toda a actividade na piscina en tempo real. Segundo explicou o CEO de BeOne, “dentro do proceso de dixitalización que estamos a levar a cabo na compañía, decidimos implementar esta ferramenta baseada en intelixencia artificial para dar servizo a área de zona acuática dos nosos centros, que ata o de agora non tiña ningunha ferramenta tecnolóxica que nos puidese axudar a mellorar a experiencia dos nosos clientes”.


“Este sistema Nagi -sinalou Roberto Ramos- ten unha dobre funcionalidade: ao ter xeolocalizados a tódolos nosos nadadores e detectar afundimentos, xerando unha alarma no reloxo dixital que levan os socorristas, ofrece unha dobre capa de seguridade; e ademais, podemos achegarlles aos usuarios toda a información sobre os metros que nadan, as distancias percorridas, distancias medias, velocidades medias… Todo elo, a través da App de BeOne no seu Smartphone ou PC. É un salto cualitativo importante, un servizo do que xa dispoñemos na nosa área de ‘seco’, pero que non existía na nosa área de auga. Estamos moi satisfeitos de facelo aquí, en Campolongo, que é un dos centros que BeOne xestiona desde hai máis tempo (desde 1997)”. 


Ramos indicou que se ben o servizo, “totalmente democratizado, sen custe para os usuarios”, xa se atopa funcionando noutros “catro ou cinco centros” xestionados por BeOne no resto de España, a versión instalada en Pontevedra é a máis moderna e a primeira a nivel nacional dotada de pantalla para seguir en directo a evolución dos nadadores. Antes poñela a disposición dos seus clientes de xeito definitivo e de implementalo na trintena de centros da compañía, BeOne destinará os vindeiros dous ou tres meses para probar o sistema e optimizar os seus usos.


En opinión de Tino Fernández, “esta nova tecnoloxía que hoxe presentamos nas piscinas de Campolongo supoñen unha mellora no servizo que se ofrece por parte da concesionaria e do Concello”, polo que “estamos moi satisfeitos, como tamén o estamos de que BeOne elixise este centro como a primeira piscina de toda Galicia para instalala”. “Todo aquilo que sirva para mellorar a seguridade, que aquí xa é moi alta, a calidade do servizo e a competitividade propia, sempre é benvido. O Concello de Pontevedra -apuntou o edil socialista- sempre está aberto ás innovacións e aos avances e agradecemos o esforzo que fai a concesionaria por poñer as piscinas de Pontevedra no cumio das piscinas de España”.