A Memoria das Mulleres continuará sendo divulgada e lembrada a través de Tik-Tok da man de tres creadoras galegas

13
María Rúa, Sara Seco e Helena López publicarán un total de oito pezas audiovisuais nas que narrarán diferentes biografías de mulleres pontevedresas
O éxito da primeira quenda de vídeos durante o 2021, que lograron obter milleiros de visualizacións, fai manter a aposta da área de Patrimonio e Memoria Histórica por este formato co fin de achegar este coñecemento histórico e social á mocidade 

A concellería de Patrimonio e Memoria Histórica pon de novo en marcha, dentro do programa A Memoria das Mulleres, un ciclo de creación e divulgación de pezas audiovisuais da man de tres creadoras galegas. Nesta ocasión, María Rúa (@pradorua), Helena López (@cousasrarismas) e Sara Seco (@sarasecorial) foron as escollidas para divulgar as diferentes biografías de mulleres presentes na web www.dogrisaovioleta.gal.

O destacable éxito da anterior campaña leva ao Concello de Pontevedra a apostar de novo por este formato. Algún dos vídeos durante a mesma chegaron a contar con milleiros de reproducións e mesmo a facerse virais entre a comunidade dixital galega, cumprindo co obxectivo de divulgar un coñecemento que non sempre está a man entre as xeracións máis mozas, e mesmo entre os adultos. De novo, a plataforma escollida para a publicación dos vídeos será Tik-Tok —aínda que é habitual ver como os vídeos acaban sendo publicados ou rebotados a outras redes tralo seu lanzamento—.

«Volvemos retomar esta vía de comunicación porque cremos que é unha aposta de cara á mocidade, un xeito de chegar e divulgar unha parte da memoria histórica, cunha ollada, ademais, feminista e feminina, nunha linguaxe coñecida por ela», explica Xaquín Moreda, concelleiro de Memoria Histórica. 

Como é habitual, todo o contido todos vídeos estará en galego e será publicado ao longo de todo o que queda deste ano 2022. Así, o primeiro vídeo foi publicado na noite do venres 22 de abril, e xa conta con máis de duascentas interaccións e case dúas mil visualizacións en menos de doce horas. María Rúa foi a encargada de abrir esta nova serie de vídeos contando a vida de Regina do Batán, unha muller «brava e forte que lles abriu camiño ás demais».

Nacido no ano 2013, da man do Concello de Pontevedra, o proxecto A memoria das mulleresten como finalidade construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra.