O Concello saca a licitación o novo contrato de mantemento de espazos públicos que duplica o número de efectivos á hora de arranxar deficiencias nas rúas da cidade

56
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, tamén informou esta mañá dos novos avances burocráticos no proxecto de modificación puntual do Peprica para a renovación e ampliación dos edificios orixinais do Museo de Pontevedra 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá da Xunta de Goberno celebrada a primeira hora e na que foron tratados diversos asuntos. A edil fixo fincapé en tres asuntos distintos: a aprobación provisional do proxecto de modificación puntual do Peprica, a saída a licitación do contrato de mantemento dos espazos públicos urbanizados do Concello de Pontevedra e a toma de coñecemento doplan anti fraude para os fondos Next Generation.

Sobre o primeiro punto, Gulías sinalou que é «unha boa nova, xa que queda bastante menos para facer ou materializar un dos proxectos máis ambiciosos que acomete o Museo de Pontevedra», como é a ampliación do Museo no subsolo dos edificios orixinais da entidade. «Entraríamos polo tanto na recta final dos trámites administrativos que farán posíbel unha transformación importante na zona e que afecta a un equipamento básico e importantísimo para a cidade», expuxo a portavoz. «Só restará pedir os informes sectoriais á Xunta de Galiza e, finalmente, a aprobación definitiva en pleno. Segundo o comentado polo vicepresidente da Deputación, Cesar Mosquera, durante a Xunta de Goberna, estaríamos ‘moi preto’, ao termos todos os informes positivos e xa  se estaría perfilando a presentación do proxecto básico de rehabilitación».

Doutra banda, a edil tamén expuxo o que supón a licitación do novo contrato de mantemento dos espazos públicos urbanizados do Concello de Pontevedra. «Sempre hai un volume de obra nova considerábel, en todos os mandatos, máis aínda se pensamos nos fondos Edusi que permitiron actuacións como a do Gorgullón ou a Ponte do Burgo; pero ese esforzo ten que ser equiparado tamén coa reparación e mantemento de cada centímetro do centro urbano e dos barrios da cidade. Para nós é unha prioridade de goberno e así está a ser demostrado», sinalou Gulías. 

A edil lembrou que este mandato foi creada unha área nova dirixida por Eva Vilaverde co nome de Mantemento dos Espazos Públicos, pero alén desta concepción política, a portavoz comentou que era necesario crear e dotar a cidade dun servizo real e efectivo. «Creamos un servizo exclusivo de mantemento de obra pública que agora vivirá unha ampliación, subirá un chanzo na súa calidade e na súa forma». «Hoxe avanzamos no mantemento dos espazos urbanos coa división do contrato de mantemento en dúas partes: un primeiro contrato para obra, en exclusiva; e en paralelo estamos tamén poñendo en marcha a licitación doutro contrato que terá que ver con ferramentas tecnolóxicas para mellorar o coidado do espazo público e mellorar a participación e conexión coa veciñanza».

Aparte desta separación, o Concello pasará a duplicar os medios humanos para este mantemento, pasando dunha brigada a dúas brigadas á hora de seguir aumentando os medios económicos na procura dunha mellor calidade de vida para as persoas que viven en Pontevedra. En total, o contrato será de 1.452.000 euros, cunha duración de dous anos. Fíxose un incremento de algo máis de 200.000 por ano, fronte ao contrato anterior. «A cidade contará dous equipos as 24 horas do día, polo que teremos un servizo permanente para subsanar deficiencias que se viñan dando até o momento. Estamos no camiño da excelencia no coidado das nosas rúas».

Alén desta ampliación de recursos económicos e humanos, Gulías tamén quixo adiantar que se están a iniciar os traballos para a redacción dos pregos dunha ferramenta enfocada nas novas tecnoloxías para mellorar en tempo real a comunicación coa veciñanza e corrixir as deficiencias que acontezan na cidade, a través das demandar que poida realizar a cidadanía. A futura plataforma estará integrada dentro do sistema de información xeográfica creado este mandato baixo o nome CATAFÍS.

Por último, a portavoz do Goberno comentou a toma de coñecemento do plan anti fraude para os fondos Next Generation. Tale como explicou Gulías, «nesta nova etapa de fondos, estamos obrigados a facer un plan anti fraude específico no que estivemos traballando nas últimas semanas porque a data para ter este documento depende das primeiras concesións de fondos con cargos a estes Next Generation. A primeira resolución definitiva foi a Axenda Urbana, polo que ese é o prazo. O documento está elaborado xa e irá ao pleno do 21 deste mes. É un proceso administrativo, necesario e obrigatorio para o acceso a calquera fondo deste tipo».