O Concello inicia mañá unha nova xeira contra a violencia de xénero a través dun ciclo de charlas nos institutos da cidade

43
As sesións informativas serán ofrecidas de xeito conxunto por unha traballadora do CIM e polo responsábel do equipo de vioxén da Policía Local
A edil de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, fai fincapé na importancia da prevención e da formación á hora de poder detectar supostos de violenia de xénero, amais de procurar concienciar a sectores sensíbeis da sociedade 

O Concello de Pontevedra comezará esta semana unha nova xeira na loita contra a violencia de xénero. A concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, informou do inicio dunha serie de charlas polos institutos de educación secundaria da cidade, unha iniciativa que chega após ser detectado un incremento no número de casos de violencia de xénero ao longo do ano 2021 tratados polo equipo especial de vioxén co que conta o corpo de seguridade local.

«Somos conscientes da importancia da prevención neste eido, ao igual que a formación para a identificación de supostos de violencia de xénero, amais de buscar a concienciación entre a cidadanía da necesidade de estar alerta e de facer uso dos recursos dispoñíbeis por todas as administracións», explica Vilaverde. «Queremos dirixirnos cun ciclo de charlas informativas a un sector da poboación que cremos é especialmente sensíbel e de especial importancia, como son os adolescentes e a mocidade».

A edil fai fincapé no traballo do CIM e a coordinación «perfecta» coa Concellería de Igualdade á hora de tratar todos os asuntos en relación coa violencia de xénero. Así, as charlas serán realizadas por unha traballadora do CIM e polo responsábel do equipo de vioxén da Policía Local, tendo un carácter conxunto. 

As charlas están en oferta a todos os centros de secundaria da cidade, dirixidas ao alumnado de 4º de ESO ou de Formación básica.. A día de hoxe, xa están confirmados dous grupos de alumnos e alumnas no IES Valle-Inclán, no IES Torrente Ballester e no IES Sánchez Cantón. Por petición do propio centro, tamén se ofrecerá, como novidade, unha sesión formativa para o profesorado do Valle-Inclán. Desde o Concello anímase ao resto de centros a solicitar estas charlas tanto para o alumnado como para o profesorado, que recibirá unha formación «adaptada e especializada».

Os contidos están adaptados a cada nivel e abarcarán desde a orixe das violencias machistas, os tipos que hai, como detectalas, a escalada e o ciclo da violencia na parella, así como os recursos que hai para saír dela. Neste punto, ademais, as charlas tamén tratarán de explicar tanto os recursos xerais como os da propia Policía Local da cidade, e o método de traballo do equipo vioxén, sempre en espazos controlados e seguros, nunca revitimizando a vítima. Doutra banda, tamén se tentará facer un achegamento práctico, con casos e exemplos reais, que poidan ser claramente identificables e que sirvan para concienciar ao alumnado.

A edil de Protección e Seguridade Cidadá recalcou como a Policía Local de Pontevedra co seu equipo vioxén pasa a participar activamente nas actividades de prevención de violencias machistas que o Concello de Pontevedra pon a disposición da veciñanza, comenzando neste caso pola mocidade.

Mañá, ás 09.50 horas, será celebrada a primeira sesión con dous grupos de alumnos e alumnas de 4º de ESO do Valle-Inclán. O xoves 21 de abril será a quenda do profesorado do mesmo centro, o martes, 10 de maio, o equipo de prevención acudirá ao IES Torrente Ballester e o martes, 14 de xuño, ao IES Sánchez Cantón.