O alcalde reunirase coa ministra de Mobilidade para defender o modelo aplicado en Pontevedra á hora de implantar as futuras zonas de baixas emisións

10
O rexedor da cidade, que tamén é presidente das Cidades que Camiñan, agarda poder debater polo miúdo o borrador da Lei de Mobilidade e lograr que se engadan novas vías para a creación destas zonas que non pasen só polo cobro ou o cambio de vehículo 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informou esta mañá da confirmación ofrecida desde o ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana para poder manter unha reunión coa ministra Raquel Sánchez Jiménez, trala petición realizada pola rede Cidades que Camiñan, da que o rexedor pontevedrés é presidente.

Fernández Lores viaxará até Madrid o vindeiro luns, 25 de abril, para celebrar un encontro que ten como obxectivo tratar polo miúdo a implantación das zonas de baixas emisións nas idades de máis de 50.000 habitantes en todo o territorio estatal. O encontro vén precedido dunha anterior reunión coa ministra para a Transición Ecológica, na que se lle pedira que se tivese en conta algún modelo alternativo á hora de crear zonas de baixas emisións alén dos sistemas de pago por entrar nestas zonas ou a compra dun vehículo con etiqueta eco. Finalmente, o borrador da Lei de Mobilidade non recolle alternativa a estas dúas opcións, amais de non concretar cuestións como o tamaño destas zonas, as reducións mínimas ás que chegar ou as restricións de tráfico.

«Queremos debater todo isto, queremos tratar de facer unha serie de alegacións que se teñan en conta no futuro e que permitan unha creación de zonas de baixas emisións que non pasen por cobrar á veciñanza, sexa por entrar, sexa por mercar un novo vehículo nun prazo mínimo de tempo», explicou o alcalde. «Nós creamos unha zona de baixa emisións na cidade, sen chamarlle así, hai moitos anos. Conseguimos resultados de redución de tráficos e de emisións superiores á calquera outro modelo aplicado en cidades como Milán, Londres ou Singapur. Ningunha delas logrou baixar do 40 %. Nós chegamos ao 90 % no casco histórico e ao 70 % no seguinte anel da cidade; e a cidade non só non funciona, senón que medrou, logrou ser un referente premiado que demostra que as zonas de baixas emisións poden ser feitas sen cobrarlle a xente».

«Esperamos que se recolla esta forma de facer as cousas. Tería graza, certamente, que un concello coma Pontevedra que leva dúas décadas facendo unha zona de baixa de emisións con métodos razoábeis, aplicando o sentido común, non cumprise coa normativa que expón a lei, unha lei coa que estamos totalmente de acordo na súa filosofía, unha filosofía que pasa por reducir tráficos, por reducir a violencia viaria e mellorar as cidades; pero que debe contemplar outras vías a maiores das dúas que contén agora», explica Fernández Lores.