Marcos Rey: “É un auténtico disparate que o PP municipal critique ao Concello por pedirlle á Xunta que arrime o ombro co Plan Concertado, é dicir, con competencias autonómicas que aparecen no Estatuto de Autonomía. Como é posible que actúen como voceiros da Xunta e en contra dos intereses de Pontevedra?”

36

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, amosouse hoxe “estupefacto” coas críticas do Grupo Municipal do PP contra a solicitude de 2,1 millóns de euros que o Concello lle trasladou á Xunta de Galicia para a execución dos programas desenvolvidos ao abeiro do Plan Concertado de 2022. En opinión do edil socialista, “é un auténtico disparate, por non dicir unha burrada, dicir que só compete á Administración municipal precisamente unha materia como a asistencia social que aparece no artigo 27 do Estatuto de Autonomía de Galicia como unha competencia exclusiva da Xunta”. “Que menos que pedirlle que arrime un pouquiño o ombro en materia de servizos sociais e ‘apoquine’ unha parte!”, asegurou Rey.

Non obstante, o que máis sorprende ao concelleiro do PSOE é que a ‘popular’ Silvia Junco, “que forma parte da Corporación municipal de Pontevedra e que se supón que, como oposición, debería defender os intereses dos pontevedreses e as pontevedresas, adopte o perfil de voceira da Xunta de Galicia e se opoña a que a nosa cidade perciba unha axuda económica dunha administración que ten orzamento de sobra para facelo e que tenta escorrer o bulto”. “Mesmo no inverosímil caso de que puidesemos darlle a razón e de que a Xunta estivese indo máis aló das súas competencias e botando unha man, cousa que por suposto non imos facer, xa que estariamos equivocadas ámbalas partes, como é a cousa? Está o PP en contra de que a Xunta lle faga unha achega económica de 2,1 millóns ao Concello para desenvolver o seu Plan Concertado?”, pregúntase Marcos Rey.


Fronte ao desprezo que Junco fai sobre o seu grao de coñecemento da lexislación vixente, tildando de “estéril” a petición, o concelleiro de Benestar Social lémbralle que “a Xunta xa colabora economicamente co Plan Concertado, polo que tan estériles non son as peticións”, e que o informe da solicitude económica efectuada “conta co aval do coñecemento e a experiencia dos técnicos municipais”. “Ela convidoume a ler a norma, así que recollo a luva e cando queira facemos unha lectura conxunta do Estatuto de Autonomía xunto co Xefe de Servizo, que así nos ilustra a todos”.


Asemade, Marcos Rey pídelle ao PP municipal que “se quere actuar de avogado e mediador dos intereses da Xunta, lle pase por favor o recado de que seguimos a agardar pola convocatoria da comisión de seguimento da Unidade de Atención ás Drogodependencias (UAD)”, xa que “lles pedimos que a convocaran a principios de marzo, foi algo aprobado por unanimidade no Parlamento Galego e están a facer bastante o remolón”. Rey tamén lamenta que Silvia Junco empregue “a mentira como arma” para tentar debuxar “ese Detroit que aos ‘populares’ lles gustaría que fora a nosa cidade”, chegando a afirmar que hai listas de agarda que superan os catro meses”. “A realidade é que a lista de agarda da atención telefónica ronda a semana de media, como moito os 15 días; a presencial é de entre 15 días e un mes, para a UTS que máis tempo de agarda ten; a asistencia de urxencias, previa valoración técnica, aténdese no mesmo día, e a primeira atención, tódolos venres, na mesma semana e, como moito, en 15 días”, aclara o concelleiro socialista.